As causas e consecuencias do cambio climático, a análise no Campus de Lugo
A directora de Sustentabilidade da USC, Dora Branco, participará na mesa redonda sobre ‘O cambio climático: accións e percepcións dende Galicia’ que se desenvolverá este xoves 22 ás 12:00 horas no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. No encontro tamén intervirán o ex director xeral de desenvolvemento sostible da Consellaría de Medio Ambiente e actual membro do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Emilio Fernández; e o secretario de Desenvolvemento Rural e Forestal de Unións Agrarias, Jacobo Feijóo. Os tres relatores analizarán a forma en que a sociedade galega percibe o cambio climático, así como as posibles accións individuais e colectivas que se poden levar a cabo para contribuír ao freo do quecemento global.
Esta mesa redonda, que coincide coa celebración do Día da Terra, é unha das actividades organizadas conxuntamente pola Escola Politécnica Superior e ADEGA no campus lugués no marco das xornadas ‘Ambiente e sociedade en Galicia’, que pretenden achegar á cidadanía a problemática ambiental galega e global xunto a algúns dos instrumentos e accións para facerlle fronte.
Dentro destas xornadas de concienciación ecolóxica estanse a facer tamén proxeccións sobre as problemáticas ambientais existentes a día de hoxe, tanto na provincia de Lugo como no resto de Galicia, ao tempo que se ofrece aos estudantes información sobre os sinais e as consecuencias do cambio climático nunhas mesas informativas colocadas no edificio da cafetería do centro universitario.