O CEA propón una reflexión sobre a función das humanidades

O Centro de Estudos Avanzados inicia este luns 5 de outubro as actividades do Foro CEA ‘Memoria, identidade, mundo. O desafío das humanidades’. Grazas á colaboración con varios grupos de investigación punteiros do campo da humanidades na USC, ao longo deste curso visitarán o centro distintos investigadores internacionais que en sesión abertas a todo o público proporán reflexións de alcance sobre a función e sentido académico e social da docencia e investigación en humanidades. A primeira das intervencións no foro, coa colaboración especial do Grupo de Investigación Iacobus da USC, será a da profesora da Universidade Católica de Chile Olaya Sanfuentes que falará sobre as humanidades e a terceira misión da universidade. A conferencia terá lugar ás 18:30 horas na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados. O ciclo incluirá ademais charlas sobre os contextos institucionais da investigación en humanidades en distintos países europeos. Entre as persoas participantes están confirmadas xa Manuel Fernández Götz, da Universidade de Edimburgo; Michel Bertrand, da Casa de Velázquez; Lachlan Mackenzie, do Instituto de Lingüística Teórica e Computacional de Lisboa; Beatriz Sarlo, da Universidade de Bos Aires; María Delgado, da Universidade de Londres; e Germán Labrador, da de Princeton.