Ir o contido principal

O CEBEGA acolle unha tecnoloxía única en España para desenvolver e caracterizar novos radiofármacos

Centro de Biomedicina Experimental da USC (CEBEGA)
Centro de Biomedicina Experimental da USC (CEBEGA)
A súa incorporación, sumada ás punteiras tecnoloxías da imaxe xa existentes, facilitará que a investigación galega en imaxe preclínica se converta nun punto de referencia acreditado neste eido
Santiago de Compostela

O Centro de Biomedicina Experimental da USC (CEBEGA) conta xa co primeiro equipo de auto radiografía de última xeración en España e un dos primeiros de Europa. Trátase dunha tecnoloxía de vangarda que está deseñada para xerar imaxes en tempo real da biodistribución dun radiofármaco sobre mostras in vitro e que terá aplicación en investigacións no ámbito da oncoloxía e tamén en neuroloxía, enfermidades inflamatorias-infecciosas ou oftalmoloxía, entre outros.

O aparato xa está en funcionamento grazas a un equipo que estará vinculado aos grupos de investigación de Imaxe Molecular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e Farmacoloxía Clínica do IDIS-Hospital Clínico, liderados por Pablo Aguiar e Anxo Fernández Ferreiro. Está deseñado para xerar imaxes en tempo real da biodistribución dun radiofármaco sobre mostras in vitro cunha resolución espacial de 20 micras, cunha nitidez que ningunha outra técnica de imaxe con radiofármacos foi capaz de alcanzar ata o momento.

“A incorporación deste equipamento supón unha ferramenta excelente para acelerar o desenvolvemento de novos fármacos, que se empregan tanto para o diagnóstico como para o tratamento de enfermidades”, subliña Anxo Fernández Ferreiro, ao tempo que engade que “as principais aplicacións centraranse en oncoloxía, pero tamén está previsto desenvolver proxectos no campo da neuroloxía, oftalmoloxía e as enfermidades inflamatorias-infecciosas”.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2022.