Ir o contido principal

O CEER participou na I Reunión de Living Labs en Cataluña

O director da Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais, Carlos Ferrás, asistiu estes días á I Reunión de Laboratorios Cidadáns -denominados Living Labs- convidado polo CitiLab de Cornellá de Llobregat, un dos centros de innovación pioneiros en Europa apoiado pola Universidade Politécnica de Cataluña e a UOC.
O Citilab-Cornellà é un espazo orientado a activar, impulsar e estender a capacidade creativa e innovadora en tecnoloxía de emprendedores, empresas, cidadáns e cidadás da sociedade da información e o coñecemento.
A presentación do profesor Ferrás xirou arredor da exposición dos fundamentos metodolóxicos das comunidades virtuais conformadas pola Fundación CEER, Infobrion e Granxafamiliar.com; que no seu conxunto conforman plataformas de comunicación 2.0 orientadas a favorecer a comunicación dixital e a innovación social en espazos transfronteirizos en comunidades rurais, e a impulsar fórmulas de comercio xusto entre o mundo rural e o urbano. Na reunión estivo presente ademais a secretaria de Estado de Centros do Coñecemento do Ministerio de Industria así como a secretaría de traballo da Generalitat de Cataluña.
Na axenda de traballo acordada decidiuse iniciar o proceso constituinte da que será a Rede HispaLab e propúxose celebrar reunións posteriores en Málaga e Santiago de Compostela. Tamén foi acollida con moito interese a proposta de traballar no marco Ibérico e poder contar cos Living Labs portugueses nun futuro inmediato.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2009.