Ir o contido principal

Celebración das vodas de prata da primeira promoción de Enxeñaría Agronómica na Escola Politécnica Superior

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC celebrará este venres, a partir das 13.00 horas, na sala de xuntas do centro, un acto para conmemorar as vodas de prata da primeira promoción de Enxeñaría Agronómica egresada do centro.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo e membro desta primeira promoción de Enxeñaría Agronómica, Javier Bueno; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; e o profesor Francisco Maseda, quen desempeñaba as funcións de director da EPS cando se egresou esta primeira promoción de Enxeñaría Agronómica, así como o alcalde de Lugo, José López Orozco, serán algúns dos relatores que intervirán na sesión. De seguido, os participantes nesta celebración procederán a colocar unha placa conmemorativa das vodas de prata da primeira promoción de Enxeñaría Agronómica saída do campus de Lugo no ‘ Recanto da Saudade’, un novo espazo habilitado na sede universitaria luguesa a iniciativa da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e que pretende servir de lugar de reencontro dos antigos estudantes no campus coa sua Universidade. A presidenta da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Benita Silva Hermo; o vicepresidente deste colectivo, Francisco Durán, e a vogal da asociación no campus de Lugo, Julia Melgar, tamén asistirán ao acto de colocación placa conmemorativa das vodas de prata da primeira promoción de Enxeñaría Agronómica no monolito doado e instalado polo Concello de Lugo no chamado ‘ Recanto da Saudade’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2015.