Celebrada no campus de Lugo a primeira das dúas xornadas de portas abertas do CACTUS

O novo edificio do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico da USC (CACTUS) celebrou hoxe a primeira das dúas xornadas de portas abertas, acto organizado con motivo da sétima edición da Semana da Ciencia no Campus de Lugo. A finalidade desta xornada foi dar a coñecer as grandes infraestruturas de investigación científica instaladas no centro. Estaba dirixida principalmente a alumnos do terceiro ciclo, o grupo de asistentes máis numeroso, aínda que na mesma tamén estiveron profesores e persoal de administración e servizos.
A xornada deu comezo cunha exposición sobre as dotacións e sistema de traballo do centro e posteriormente realizouse unha visita guiada polas instalacións. Os presentes nesta primeira xornada coñeceron as técnicas de tipo biolóxico utilizadas como ultramicrotomía, microscopía electrónica, fluorescencia e confocal, análise de imaxe, microdisección láser, citometría de fluxo analítica, separativa e en placa, ensaios reolóxicos, ultracentrificación e electroforese. A sesión tivo lugar de 10:00 a 12:00 horas, en horario de mañá, e repetiuse pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas.
O CACTUS permite aos distintos grupos de investigación da USC, doutras universidades e tamén de diferentes institucións públicas ou empresas privadas, ter acceso a equipos avanzados e a persoal técnico especializado.
O día 13, e no mesmo horario, a xornada de portas abertas estará centrada na investigación físico-química e de tecnoloxía dos alimentos, con explicacións sobre técnicas de carácter analítico e de resolución estrutural (RMN e infravermellos), calorimetría diferencial, análise elemental, espectrometría de masas directa e acoplada a HPLC, ICP-óptico e ICP-masas.
As persoas interesadas en asistir á próxima xornada, poderán solicitar información e reservar a súa praza dirixíndose ao CITT, a través do teléfono 982 252231 (ext. 22854) ou o correo electrónico cittmmar [at] usc.es (cittmmar[at]usc[dot]es).