Ir o contido principal

Celebrada a festividade da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

De esquerda a dereita, Xoán Ramón Doldán García, Antonio López e Mar Lorenzo Moledo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Xoán Ramón Doldán García, Antonio López e Mar Lorenzo Moledo. FOTO: Santi Alvite
O decano do centro Xoán Ramón Doldán García aproveitou o acto conmemorativo para subliñar que a inventiva, a paciencia e a colaboración foron elementos cruciais para facer fronte a un ano especialmente complexo por mor da COVID-19
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebrou este mércores a festividade do seu patrón a través dun acto que puido seguirse en liña e que estivo presidido polo reitor Antonio López e no que tomou parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. O decano do centro Xoán Ramón Doldán García aproveitou a sesión para subliñar que a inventiva, a paciencia e a colaboración foron elementos cruciais para facer fronte a un ano especialmente complexo por mor da COVID-19. O reitor, pola súa parte, puxo o foco no “esforzo especial” que cada persoa desenvolveu dende o seu posto de responsabilidade neste curso marcado pola pandemia. O acto pivotou en torno á entrega de galardóns ao alumnado do centro.

No capítulo relativo aos premios extraordinarios de grao e máster correspondentes ao ano académico 2019-2020, foron recoñecidos os alumnos Alberto Mato Villamarín e Loios Pimentel Iglesias do grao en Economía, Patricia Mañá Fosado e Carla Álvarez Blanco do grao en Administración e Dirección de Empresas, Belén Rodríguez Soto do máster en Desenvolvemento Económico e Innovación, Eugenia Martínez Lamboglia do máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas, Óscar Mougán Rey do máster en Dirección e Xestión Contable e Financeira, Pablo Cristanto Lombardero Fernández do máster en Dirección de Empresas, e Jorge Alejandro Vinseiro Moure do máster en Economía.

O acto tamén serviu para recoñecer aos premios extraordinarios de doutoramento 2018-2019 na área de ciencias sociais e xurídicas. Resultaron premiados Alba Lugilde Sánchez pola tese de doutoramento titulada The uncertainty effect on saving deci-sions. An empirical analysis for the Spanish economy, dirixida polos profesores María Dolores Riveiro García e Roberto Bande Ramudo; así como Pedro María Rey Araujo pola tese A Political Economy Analysis of Spain’s “Mediterranean Neoliberalism”, 1995-2016, dirixida por Melchor Fernández Fernández e Alberto Meijide Vecino.

A segunda edición do premio María del Carmen Lorenzo Díaz a Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) sobre a economía dos recursos naturais e do medio ambiente recoñeceu a Belén Rodríguez Soto polo TFG titulado Big data e Economía Ambiental: análise de sentimento en Twitter sobre incendios forestais, titorizado por María Loureiro García; e a Juan José Gil Fernández polo TFM Mitigación do cambio climático sen tecnoloxías de emisións negativas: propostas de descarbonización de industrias enerxeticamente intensivas en Galicia, titorizado por Xoán Ramón Doldán García.

Galardóns CreArte e Fulget

O premio correspondente á novena edición do concurso de pintura CreArte na Universidade recaeu en Víctor Rodríguez Elías coa obra titulada ‘Macizo de flores sobre mesa de mármore’. Pola súa parte o  Premio Fulget 2020, destinado a recoñecer unha empresa ou colectivo empresarial de carácter galego pola súa colaboración en accións encamiñadas a mellorar as relacións entre a actividade académica e a súa contorna profesional, foi para a Unión de Cooperativas Galegas Espazo coop. Recolleu o premio a súa presidenta Ana Olveira Blanco

Olimpíada Galega de Economía

Finalmente, Noela Sanjurjo Carballeira do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, José Valiño Vidal, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela e Francisco José Negreira Gómez do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, foron os alumnos premiados na XI Olimpíada Galega de Economía. A sesión serviu tamén para recoñecer a acción solidaria da facultade coa Asociación Española contra o Cancro e co Centro Don Bosco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2021.