Ir o contido principal

Celebrada a reunión do Comité Científico Asesor do IGFAE

A reunión comezou este martes cunha presentación do director do IGFAE Carlos A. Salgado, quen ocupa o centro da imaxe
A reunión comezou este martes cunha presentación do director do IGFAE Carlos A. Salgado, quen ocupa o centro da imaxe. FOTO: Elena Mora
Investigadoras e investigadores de prestixio internacional visitaron esta semana as instalacións deste centro mixto da USC e da Xunta de Galicia para examinar a súa calidade investigadora
Santiago de Compostela

O Comité Científico Asesor (Scientific Advisory Board) do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, visitou esta semana as súas instalacións en Santiago de Compostela para avaliar o desempeño do centro durante este último ano e a estratexia científica actual.  O comité estivo composto por Barbara Erazmus, vicevoceira da colaboración ALICE do CERN; Paolo Giubellino, director científico das infraestruturas GSI e FAIR en Darmstadt; Gabriela González, voceira do experimento LIGO entre 2011 e 2017; e Giulia Zanderighi, directora do Novel Computational Techniques in Particle Phenomenology Laboratory  do Max Planck Institute fur Physics, Munich. Francis Halzen, iniciador das colaboracións científicas AMANDA e IceCube no Polo sur; e Larry McLerran, director do Institute for Nuclear Theory de Seattle, asistiron en remoto.

A reunión comezou este martes cunha presentación do director do IGFAE Carlos A. Salgado, quen deu conta dos fitos científicos destacados do centro durante o último ano, as novas incorporacións, a actividade dos grupos de traballo e a próxima reforma do instituto. A xornada continuou con reunións entre o comité e o persoal predoutoral, posdoutoral e junior, onde se analizou o ambiente de traballo e perspectivas científicas e de formación destas etapas iniciais da carreira investigadora, seguida da presentación dos cinco programas científicos non avaliados na visita de 2021: teoría de cordas e campos relacionados; raios cósmicos e neutrinos extremadamente enerxéticos, ondas gravitacionais, física nuclear e explotación do Laboratorio Laser para Aplicacións e Aceleración de Partículas (L2A2).

A visita finalizou este mércores cunha reunión dos membros do comité coa Xunta de Goberno á que acudiron por parte da Universidade de Santiago de Compostela o reitor Antonio López, o vicerreitor de investigación e innovación Vicente Pérez Muñuzuri e o profesor Máximo Pló Casaus; por parte da Xunta, a subdirectora xeral de promoción científica e tecnolóxica universitaria Mª Jesús Tallón Nieto. Estas avaliacións externas son claves para o modelo de funcionamento do IGFAE e as recomendacións do comité servirán para adecuar os obxectivos e prioridades do centro nos próximos anos.

Estas avaliacións externas son claves para o modelo de funcionamento do IGFAE
Estas avaliacións externas son claves para o modelo de funcionamento do IGFAE. FOTO: Elena Mora
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2022.