Ir o contido principal

Celtarys Research, entre as gañadoras dos premios Galicia Startup Congress 2022

De esquerda a dereita, María Majellaro, Eddy Sotelo e Sonia Martínez Arca, promotores da empresa
De esquerda a dereita, María Majellaro, Eddy Sotelo e Sonia Martínez Arca, promotores da empresa
Trátase dunha das empresas impulsadas por BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación promovida pola USC

A empresa Celtarys Research foi a segunda startup mellor valorada por parte do xurado no marco da XI edición do Galicia Startup Congress 2022. O evento contou este ano coa participación de 50 startups que desenvolveron as súas presentacións durante as dúas xornadas que durou o Investor Day.

Celtarys Research é unha empresa de nova creación centrada no desenvolvemento de ferramentas químicas innovadoras que permiten optimizar en tempo e custo o proceso de descubrimento de fármacos. O seu traballo foi recoñecido en varias ocasións, sendo galardoada como Empresa Biotech Máis Innovadora 2021 na IX edición dos Premios Bioga e quedando finalista no Concurso de Tecnoloxías Emprendedoras da Royal Society of Chemestry do Reino Unido.

BioIncubaTech, a aposta pola saúde

Celtarys é unha das empresas impulsadas por  BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación, promovida pola USC en colaboración con  Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago,  e cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Axencia  Galega de Innovación (GAIN) e polo FEDER.

Proxectos do sector da saúde, como tratamentos para a cardiopatía ou lesións na medula ata solucións relacionadas coa COVID-19 son algunhas das propostas nas que traballan as empresas da incubadora, na que hai tamén proxectos relacionados coa agroalimentación enfocados a dar solucións para o sector, como melloras na xestión das explotacións ou detectores de contaminación na industria alimentaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2022.