Ir o contido principal

Celtarys Research, nacida ao abeiro de BioincubaTech, finalista no concurso da Royal Society of Chemistry

Celtarys  Research deseña e produce ferramentas químicas fluorescentes, sensibles e específicas, mediante unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente que permite  substituír o uso da radioactividade
Celtarys Research deseña e produce ferramentas químicas fluorescentes, sensibles e específicas, mediante unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente que permite substituír o uso da radioactividade
A incubadora de alta tecnoloxía da USC deu pulo a esta empresa que desenvolve unha tecnoloxía que permite acelerar o descubrimento de fármacos
Santiago de Compostela

Celtarys  Research, empresa galega impulsada por investigadores da USC e que desenvolve tecnoloxía para acelerar o descubrimento de fármacos, acaba de resultar finalista no Concurso de Tecnoloxías Emprendedoras da Royal  Society  of  Chemistry do Reino Unido. Este certame valorou diferentes proxectos internacionais relacionados coa saúde, o medio ambiente e a alimentación.

A institución inglesa, con 175 anos de historia e unha das principais comunidades químicas do mundo, recoñece así o traballo de  Celtarys  Research, que deseña e produce ferramentas químicas fluorescentes, sensibles e específicas, mediante unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente que permite  substituír o uso da radioactividade. Deste xeito, a ferramenta  Fluorotools de  Celtarys axuda as compañías farmacéuticas a ser máis competitivas, acelerando o descubrimento de mellores fármacos. “O éxito da presentación do seu proxecto situouna como empresa de referencia no sector, potenciando contactos e colaboracións con entidades internacionais de Alemaña e mesmo Xapón”, segundo explican dende a propia entidade.

BioIncubaTech, a aposta pola saúde

Celtarys, é unha das empresas impulsadas por  BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación, promovida pola USC en colaboración con  Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, e cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Axencia  Galega de Innovación (GAIN) e polo FEDER.

Proxectos do sector da saúde, como tratamentos para a cardiopatía ou lesións na medula ata solucións relacionadas coa COVID-19, son algunhas das propostas nas que traballan as empresas da incubadora, na que hai tamén proxectos relacionados coa agroalimentación enfocados a dar solucións para o sector, como melloras na xestión das explotacións ou detectores de contaminación na industria alimentaria.

De esquerda a dereita, María Majellaro, Eddy Sotelo e Sonia Martínez Arca
De esquerda a dereita, María Majellaro, Eddy Sotelo e Sonia Martínez Arca
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.08.2021.