Máis de cen persoas asisten ao I Congreso Galego de Investigadores de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación

Con máis de cen participantes das tres universidades galegas comezou este mércores na Facultade de Ciencias da Educación o I Congreso de Investigadores de Terceiro Ciclo nesta área do coñecemento. A inauguración contou coa presenza do director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxico do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido, o decano do centro Lois Ferradás e as organizadoras do congreso, Esther Vila e Diana Priegue.
No acto de apertura, Lois Ferradás destacou que, con esta iniciativa, foméntase a cooperación entre expertos co fin de facer investigacións “máis competitivas” sobre educación. Na mesma liña, Conde-Pumpido subliñou que cos intercambios científicos “non só crece a calidade dos traballos” senón que tamén reverten nunha “mellora futura do entorno social e cultural máis próximo”.
A “inestable e precaria” situación dos investigadores en Galicia foi a cuestión que tratou Diana Priegue e reivindicou unha “maior visibilidade” das condicións laborais. Pola súa banda, Esther Vila resumiu os obxectivos xerais das xornadas que ata o venres 18 pretenden ser espazo de promoción, intercambio e discusión das experiencias e investigacións desenvolvidas dende diversas áreas de coñecemento no ámbito educativo. Ademais, no congreso divulgarase a oferta existente en canto aos recursos e posibilidades económicas de axuda e financiamento para a investigación.
Logo da inauguración, Rogelio Conde-Pumpido pronunciou a conferencia ‘Políticas para o fomento da investigación universitaria en Galicia’. A sesión matinal pechou cunha mesa redonda na que debateron acerca do estado da cuestión no marco universitario galego os vicerreitores de investigación das Universidades de Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa e Concepción Herrero, respectivamente.
Xa pola tarde ten lugar a partir das 17:00 horas un seminario, a cargo do profesor Andrés Suárez Yáñez, sobre a produción e escritura de teses de doutoramento e outros traballos académicos.
Xoves 17 e venres 18A segunda xornada do congreso empezará ás 9:00 horas coa presentación de comunicacións e, ás 12:30 horas, o profesor da Universidade de Salamanca Francisco J. Tejedor falará das distintas metodoloxías na investigación educativa actual.
Xa ás 16:30 horas, a axudante da Biblioteca das Facultades de Ciencias da Educación e Psicoloxía dirixirá un seminario acerca dos recursos informativos na educación e, ás 19:30 horas, celebrarase un foro no que se abordarán os retos e desafíos do Terceiro Ciclo en Galicia.
A última sesión do encontro abrirá ás 9:00 horas coa presentación de experiencias e traballos de investigación e pechará ás 12:30 horas coa conferencia ‘Avaliación de Estudos de Terceiro Ciclo’ do profesor da Universidade de Oviedo, Mario de Míguez Díaz.