Medio centenar de investigadores de toda España expoñen na USC nas últimas novidades no estudo dos dendrímeros
Preto de medio centenar de investigadores de toda España reúnense este xoves 23 e o venres 24 no 4ª Encontro sobre Dendrímeros (EDEN 4) que este ano chega á USC tomando o relevo dos encontros celebrados en Alcalá de Henares Barcelona e Ciudad Real. O estudo dos dendrímeros é unha disciplina recente como indica que os primeiros estudos publicados neste eido datan de 1985. Dende entón ata a actualidade, os investigadores españois produciron preto dun 5% das publicacións neste ámbito. Os dendrímeros son macromoléculas sintéticas ramificadas de tamaño nanométrico e estrutura globular con aplicación en campos diversos como a catálise, novos materiais ou a nanomedicina. O seu principal atractivo, explica o responsable do comité organizador Eduardo Fernández Megía, é a posibilidade de obter estas macromoléculas de xeito controlado, particularmente o seu tamaño o que, á súa vez, ofrece vantaxes en diferentes ‘bioaplicacións’. Diagnóstico médico ou liberación de fármacos son algún destas aplicacións, xa que como explica a modo de exemplo Fernández Megía, a regulación do proceso de biodistribución de fármacos está relacionado co tamaño das moléculas.
O programa comezará este xoves 23 ás 15.30 horas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e permitirá a análise do estado actual da investigación neste eido, con especial atención aos novos investigadores. O programa inclúe as conferencias convidadas de David Smith, da Universidade de York, (Reino Unido) e Rainer Haag, da Universidade Libre de Berlín (Alemaña), como conferenciantes plenarios. As persoas interesadas poden consultar a páxina web do encontro no enderezo http://www.usc.es/congresos/eden4/Home.html.