Medio centenar de persoas participan nas xornadas sobre o uso das TIC no ámbito municipal organizadas pola cátedra Jaime Vera

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, inaugurou este venres no Centro de Empresas e Innovación de Lugo as xornadas ‘Mellores prácticas no uso das TIC no ámbito municipal’, organizadas no marco da cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Jaime Vera e patrocinadas pola Fundación Telefónica. Participan nas mesmas 50 persoas procedentes do ámbito político tanto a nivel da administración local como universitario, entre os que se atopa un grupo de alumnos procedente de Santiago.
Nestas xornadas, que se celebran por primeira vez en Lugo, analízase a situación actual, o grado de implantación, as experiencias de gobernos locais socialistas e as perspectivas de futuro en materia de incorporación de novas tecnoloxías nas administracións locais. Esta é a primeira actuación que realiza a Aula TIC-Pemes do Campus de Lugo de forma pública e tamén é o estreo da cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social na cidade de Lugo, dende a súa fundación no mes de xaneiro deste ano.
O vicerreitor estivo acompañado na inauguración pola directora da cátedra Jaime Vera de Emprendimento Social, Elena Vázquez Cendón; a directora da aula TIC-Pemes da USC, María Ángeles López Cabarcos, e a responsable de avaliación e calidade da Fundación Jaime Vera, Nuria Lera. A directora da cátedra explicou que as xornadas tiveron unha importante acollida por parte do Concello e serven como “un mecanismo para pór en valor a transferencia do coñecemento á sociedade”. Os catro defenderon a importancia de coordinar esforzos entre as institucións para levar adiante proxectos como o que se inaugurou hoxe.
O programa dividiuse en dúas mesas redondas, ás 10:30 e ás 12:30 horas. A primeira, co título ‘Experiencias municipais nas novas tecnoloxías’, estivo moderada pola concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela. Participaron o director de Novas Tecnoloxías no Concello lugués, Efrén Arias Jordán, e a directora de Sistemas de Información, Informática e Cartografía do Concello de Leganés, Virginia Moreno Bonilla.
No coloquio sobre ‘Presente e futuro da innovación tecnolóxica nos concellos’, moderado por Javier Franco Tubío, director da Área TIC da USC participaron o director Territorial de Galicia e Asturias de Telefónica España, José Ángel Veiga Abeledo; o xefe do Departamento de Atención Cidadá do Concello da Coruña, José María Ares Abalo, e o concelleiro de Innovación de Sevilla, Juan Antonio Martínez Troncoso.
A clausura estivo a cargo do alcalde de Lugo, José López Orozco; o director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, David Cierco Jiménez de Parga, e a vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez.