Ir o contido principal

Máis de cento cincuenta pediatras analizan este venres en Santiago os últimos avances en endocrinoloxía

O XVI Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica organizado pola Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia que dirixe o catedrático Manuel Pombo Arias reunirá este venres, 3 de abril, en Santiago a máis de 150 pediatras. A inauguración será ás 11:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina nun acto presidido polo decano Fraga Bermúdez e ao que, ademais do doutor Pombo, asisten o xerente do CHUS, Caramés Bouzán; e o presidente da Sociedade de Pediatría de Galicia, Sánchez Lastres.
O encontro xirará en torno a tres mesas redondas sobre cuestións relacionadas coas áreas más actuais da especialidade como son a obesidade, a patoloxía tiroidea e a talla baixa. Na dedicada á patoloxía tiroidea, que comezará ás 9:00 horas, analizaranse diferentes aspectos en relación coa recente Guía del hipotiroidismo congénito en Galicia, un medio eficaz para lograr un mellor seguimento da doenza.
Na mesa redonda sobre obesidade, ás 12:45 horas, presentaranse datos sobre a frecuencia desta patoloxía na poboación infantil española e estudos relacionados coa intervención dietética e farmacolóxica para tratar de intervir na corrección desta situación cada vez máis frecuente. Participarán os doutores Bonet, do Hospital Can Misses de Ibiza, e Moya, catedrático de Pediatría do Hospital Universitario San Juan de Alicante.
Por último, ás 17:00 horas desenvolverase o debate sobre a talla baixa considerarase un cadro que, aínda que enmarcado dentro da patoloxía rara, non é tan infrecuente como causa de afectación do crecemento -o denominado ‘síndrome de Noonan’-, e analizaranse as implicacións dunha nova situación condicionante de talla corta, en definitiva, un novo síndrome que foi recentemente tipificado polo grupo do profesor Pombo.
As mesas redondas complementaranse con diversas conferencias. Así, o profesor Fontoura, da Facultade de Medicina de Porto, explicará ás 10:00 horas a puberdade retrasada e a xefa da Unidade de Endocrinoloxía Infantil do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla de Santander, Cristina Luzuriaga, falará ás 11:45 horas das repercusións endocrinolóxicas do retraso de crecemento intrauterino. Xa pola tarde, o profesor Rivas Crespo, da Universidade de Oviedo, tratará a patoloxía por alteracións do xene SHOX, unha situación para a que aínda recentemente foi aprobada a indicación de tratamento con hormona de crecemento; e o doutor Yturriaga, xefe de Servizo do Hospital Ramón y Cajal de Madrid, analizará ás 18:30 horas os problemas derivados da puberdade adiantada.
A conferencia de clausura, ás 19:30 horas, correrá a cargo do profesor Tojo e estará dedicada a un asunto de especiais implicacións para Galicia como é o da saúde en relación coa dieta atlántica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.04.2009.