Ir o contido principal

Un cento de estudantes de Formación do Profesorado pon en valor a docencia a prol da inclusión social

O acto desenvolveuse na Facultade de Formación do Profesorado
O acto desenvolveuse na Facultade de Formación do Profesorado
A profesora Eva María Barreira Cerqueiras coordina este Proxecto de Aprendizaxe-Servizo da USC no Campus de Lugo
Lugo

Comprender unha realidade complexa e diversa que está presente dentro e fóra das aulas. Esta é a meta do Proxecto Interdisciplinario ‘ASerES Lugo: Aprendizaxe-Servizo con Entidades Socioeducativas para a formación de futur@s mestr@s’ no que participou máis dun cento de estudantes da Facultade de Formación do Profesorado. O centro acolleu este martes 22 o acto de presentación de resultados deste Proxecto de Aprendizaxe-Servizo coordinado pola profesora Eva María Barreira Cerqueiras da Área de Didáctica e Organización Escolar.

Por segundo ano, estudantado das materias ‘Socioloxía da Educación’, impartida pola profesora Marta María Poncet Souto, e ‘Didáctica e Profesión Docente’ e ‘Didáctica e Tarefas Docentes’, impartidas polas profesoras Eva María Barreira Cerqueiras e Alba María Souto Seijo, puido reflexionar sobre as competencias necesarias que lles require a profesión docente. Para o desenvolvemento do proxecto contouse co apoio do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) do Campus de Lugo, circunstancia que permitiu dispoñer de moitas facilidades dende o primeiro momento. "Un dos aspectos máis esixentes deste proxecto de aprendizaxe-servizo vén dado polo seu carácter transversal, algo que implica manter unha atención constante durante todo o proceso para dar resposta a un amplo abano de necesidades que non se poden aprazar", segundo sinala Fátima Teixeiro, axente do SEPIU no Campus de Lugo. 

Neste encontro, encadrado na fase de valoración final da experiencia, expuxéronse os beneficios sociais e formativos que o proxecto reportou a todos os axentes implicados. Entre estes beneficios destaca a contribución das entidades participantes á aprendizaxe e desenvolvemento de competencias persoais e profesionais que os futuros mestres e mestras van ter que desenvolver na sociedade, así como a súa contribución ao ODS 4, isto é, garantir unha ‘educación inclusiva, equitativa e de calidade’ que dea lugar a profesionais da docencia cuxas metodoloxías transiten polo DUA, a igualdade de oportunidades, a xustiza social e o desenvolvemento sostible.

A iniciativa é tamén unha oportunidade para coñecer o papel na comunidade de cada unha das entidades, “ás que lle debemos a oportunidade de realizar este proxecto”, destaca a profesora Cerqueira. Trátase de ADC Diversia, ADC Fonte do Rei, AECC, AFALU, Alume Saúde Mental, ASANOG, ASPANAES Ferrol, ASPANANE Viveiro, Asociación Nacional Presencia Gitana, Asociación Protectora Michos de Lugo, Cáritas Diocesana de Lugo, CB Cidade de Lugo, COGAMI–COCEMFE, Cruz Vermella Lugo, Down Lugo, Fundación Breogán, Fundación JuanSoñador, Fundación Meniños, Fundación Secretariado Gitano, Manos Unidas Lugo, Raiolas, Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, Taller de Solidaridad. “O éxito deste proxecto é tamén froito da súa implicación coa Facultade de Formación do Profesorado e co seu estudantado”, conclúe. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2025.