Ir o contido principal

Centos de estudantes europeos reúnense na USC no congreso Internacional Médico-Cirúrxico 2017

De esquerda a dereitam Cristiana Sieiro, Juan Gestal, Ruben Rego e Cristina Pandelo. Foto. Servimav-USC
De esquerda a dereitam Cristiana Sieiro, Juan Gestal, Ruben Rego e Cristina Pandelo. Foto. Servimav-USC
Celebrarase na Facultade de Medicina entre os días 13 e 15 coa presenza de preto de 350 congresistas

‘Mentes que cambian o mundo’ é o lema do Congreso Internacional Médico Cirúrxico 2017 (CIMQ’17) que a vindeira semana se celebrará na Facultade de Medicina entre os días 13 e 15. Esta é unha iniciativa de estudantes deste centro da USC coa pretensión de reunir os grandes nomes de áreas ámbitos como o das Ciencias da Saúde, Medicina, Bioloxía, Bioquímica ou a Biotecnoloxía e promover a idea de que o coñecemento en saúde é froito da colaboración e o traballo de conxunto de distintas disciplinas que traballar entre si.

Os detalles do programa do congreso presentáronos este venres 10 na Sala de Profesores da Facultade de Medicina o decano do centro, Juan Gestal, e as integrantes do comité organizador, Cristiana Sieiro Santos, Cristina Pandelo Louro e Rubén Rego Salgueiro. O comité organizador agarda congregar en Compostela a preto de 350 congresistas, estudantes de toda España, así como doutros países como Suecia, Polonia, Italia, Portugal ou Ucraína, entre outros.

Ao longo das tres xornadas, o programa organiza as distintas intervencións agrupadas en tres bloques sobre Cirurxía, Medicina e Tecnoloxías aplicadas á saúde que se desenvolverán en mesas redondas con especialistas de distintas áreas. No primeiro día, dedicado á Cirurxía, trataranse “algúns dos temas máis apetecibles” de CIMQ’17 como o transplante de cara e de como abordar unha reconstrución facial coa presenza dos doutores Pedro Infante, Antonio Taboada e Abel García.

No mesmo bloque temático, tratarase a cirurxía de separación de xemelgos siameses da man do doutor Gentil Martins, considerado un dos máis prestixiosos cirurxiáns pediátricos do mundo e pai da cirurxía pediátrica portuguesa que con 86 anos conta con varios miles de operacións no seu currículo. Por outra banda, na mesa de cirurxía xeral- traumatoloxía intervirán o catedrático Miguel Caínzos, o actual presidente da Sociedade Española de Cirurxía, José María Jover, e o doutor Fernando de la Portilla, cuxas liñas de investigación tocan aspectos relacionados coa creación de órganos, a bioenxeñaría e a terapia celular aplicada.

Xa o martes 14, o congreso estará dedicado á especialidades médicas cunha xornada dedicada ao Parkinson na que participarán o profesor Ramón Soto Otero; o director do grupo de investigación en Enfermidades Neurodexenerativas do Vall d’Hebron Institut de Recerca (VHIR), Miquel Vila; o responsable do Centro de investigación de neuroimaxe de París, Stephane Lehericy; ou o profesor Javier Cudeiro, entre outros. No ámbito da oncoloxía, participará Sobrinho Simões, experto en cancro de tiroides e recoñecido recentemente como o patólogo máis influínte do mundo.

A derradeira sesión deste encontro internacional estará dedicada á aplicación da tecnoloxía ás Ciencias da Saúde e comezará coa presentación de traballos e comunicacións orais de estudantes que optarán a un premio promocionado pola editorial Elsevier así como a un premio de cirurxía organizado pola Sociedade Española de Cirurxía Cardiovascular e Cardiotorácica.

O mesmo mércores 15, está prevista a intervención de Tal Golesworthy, enxeñeiro británico afectado coa Síndrome Marfan e que reparou o seu propio corazón despois de deseñar un novo procedemento para tratar a dilatación da súa arteria aorta, evitando deste xeito unha vida condicionada á administración de anticoagulantes. Este abano de intervencións completarase con diversas obradoiros de eminente carácter práctico que busca complementar a formación do alumnado en técnicas novedosas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2017.