Centos de estudantes reuniranse na USC no Congreso Internacional Médico-Cirúrxico

A Facultade de Medicina da USC será a sede do Congreso Internacional Médico-Cirúrxico que organiza a asociación de estudantes USCience e que na súa primeira edición, o ano pasado, congregou en Compostela a máis de 200 participantes chegados de todo o mundo. Co encontro, explica a alumna Cristiana Isabel Sieiro, “tratamos de promover o dialogo e intercambio de ideas entre profesionais de distintas áreas, xa que opinamos que as especialidades se deben apoiar entre si para a avanzar en dirección ao futuro”.
Entre outras personalidades, nesta cita científica participarán o doutor Gentil Martins, un dos máis recoñecidos cirurxiáns pediátricos do mundo que destaca polos seus traballos na separación de xemelgos siameses unidos pola cabeza; o anatomo-patólogo Sobrinho Simões, experto en cancro de tiroides; ou a ex presidenta da Sociedade Española de Oncoloxía, Pilar Garrido, experta en cancro de pulmón. Ademais, unha mesa redonda sobre Párkinson reunirá especialistas de primeira orde como o xefe do centro de enfermidades neurodexenerativas de Vall d'Hebron, Miquel Vila, ou Stephane Lehericy, coñecido experto en neuroimaxe de París.
O novo encontro, que ten como lema ‘Mentes que cambian o mundo’, organízase en tres días, con obradoiros prácticos para o alumnado cada un deles. A xornada do 13 de marzo dedicarase á cirurxía con catro mesas redondas sobre traumatoloxía; cirurxía cardíaca e torácica; maxilofacial e plástica, e pediátrica. Xa o día 14 os relatorios orientaranse ás especialidades médicas, en particular Párkinson, oncoloxía e pediatría.
O congreso remata o 15 de marzo co desenvolvemento do día E-health, orientado á tecnoloxía ao servizo da medicina e saúde, e que contará coa presentación de proxectos apoiados pola Unión Europea como Knok, Kinematics, I4health e SOUL. Tamén nesa xornada se presentarán os traballos de estudantes que optan ao Premio da Sociedade Española de Cirurxía Torácica e Cardiovascular e da editora Elsevier.