Ir o contido principal

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC organiza un seminario en Lugo para o mes de xaneiro

‘Novas propostas para destinos emerxentes’ é o título do seminario que o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC desenvolverá o 15 de xaneiro en Lugo, na sede da Deputación. Os interesados dispoñen ata o día anterior da súa celebración para formalizar a inscrición.
No encontro analizaranse destinos turísticos emerxentes como Zaragoza ou a zona de Arousa norte, ademais de explicarse a estratexia turística dun destino consolidado como o Baixo Empordà na Costa Brava ou a comarca de La Vera como exemplo de desenvolvemento turístico.
As conferencias correrán a cargo do concelleiro de Turismo do Consell Comarcal do Baix Empordà, Ángel Planas Sabater; o xerente do Plan de Dinamización Turística da Comarca de la Verá e director xerente de ADICOVER, Quintín Correas Domingo; e a xerente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, Fátima Rodríguez.
O seminario rematará pola tarde cunha mesa redonda sobre o presente e futuro dos destinos emerxentes galegos na que participarán os xerentes do PDPT Ferrol-Ortegal, Pilar López; da Fundación Comarcal da Mariña Oriental, Azucena González; do PDPT de Pontevedra, Eva Fernández Gómez; e do PDPT de Ourense, Emilio Cuíñas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2007.