O Centro integral de análise e resolución de conflitos recibiu a visita do director xeral de Xustiza
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou este luns o Centro integral de análise e resolución de conflitos da USC (CIARCUS), creado en 2013 co obxectivo de traballar para obter unha solución dialogada e consensuada de conflitos a través da mediación e que dirixe a profesora Raquel Castillejo Manzanares. Dende 2016, o CIARCUS colabora no desenvolvemento dun programa experimental de mediación no ámbito penal na capital galega para o que asinou o convenio no que tamén están implicados a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e o Colexio de Avogados de Santiago xunto coa USC.
Segundo os últimos datos dispoñibles e como explicou a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, máis dun terzo dos asuntos derivados polos xulgados de instrución de Santiago á mediación penal remataron con acordo de todas as partes implicadas, con todas as vantaxes que iso supón a nivel procesual e persoal.
A mediación
A mediación penal consiste na participación voluntaria da persoa imputada por un delito ou falta e máis da persoa prexudicada (vítima) nun proceso de diálogo e comunicación conducido por un mediador imparcial, co obxecto de conseguir a reparación adecuada ao dano causado e a solución do conflito. No ámbito do proceso penal, e ante situacións de grave quebrantamento das normas de convivencia, a mediación presenta singularidades que complementan eficazmente o propio sistema de xustiza penal, proporcionando instrumentos de control e reacción ante o fenómeno criminal.
O proxecto de mediación que lidera a USC intervén en conflitos xudiciais a través da mediación penal e da xustiza restaurativa como instrumentos de resolución pacífica. A adopción de medidas realizarase de xeito que se posibilite que a persoa prexudicada se sinta protagonista tanto do propio procedemento penal como do xeito de o resolver ao tempo que se dea unha resposta reparadora e integradora á situación que se creou como consecuencia do feito delituoso.
Convenio
En virtude do acordo asinado en 2015 para desenvolver este proxecto, ademais do papel técnico da USC nesta experiencia e co financiamento da Xunta de Galicia, ao Consello Xeral do Poder Xudicial corresponderalle impulsar a mediación intraxudicial entre os xuíces e maxistrados e analizar o resultado para incluír os datos que sobre este sistema publica anualmente o Consello en toda España. Pola súa banda, a Fiscalía adoptará as medidas organizativas internas necesarias e tamén recompilará os datos estatísticos correspondentes ás experiencias de mediación.
O CIARCUS
A USC creou o Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos coa idea de constituír un centro propio mixto para atender e promover estudos e debates sobre cuestións de actualidade xurídica e relacionadas coa resolución de controversias, desde unha perspectiva integral e multidisciplinar. O CIARCUS naceu coa vocación de traballar na pacificación e resolución tanto daqueles conflitos que se produzan no marco da propia comunidade universitaria como aqueles que afecten á cidadanía en xeral. O centro dispón da categorización de Institución de Mediación no rexistro do Ministerio de Xustiza do Goberno español.