O Centro de Linguas Modernas da USC, examinador oficial en Galicia de catro idiomas

O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) consolídase en Galicia como entidade examinadora oficial de alemán, italiano, español como lingua estranxeira e, recentemente incorporada, xaponés. Ademais, este centro acredita a competencia lingüística do nivel B1 nunha lingua estranxeira para a mobilidade e o grao do estudantado da USC. Cada ano increméntase de maneira exponencial o número de estudantes que desexan acreditar un certo nivel de idioma. Así dos 76 que no curso 2010-2011 fixeron os exames oficiais de italiano, español para estranxeiros, alemán e xaponés, pasouse aos 319 deste ano académico que rematou. O maior aumento da demanda produciuse en alemán e pola nova oferta do certificado de xaponés, con 88 inscritos na súa primeira convocatoria na USC. Catro exames oficiais A USC é dende 1992 centro examinador do Diploma de Español como Lingua Estranxeira (DELE) que outorga o Instituto Cervantes en nome do Ministerio de Educación, un título oficial acreditativo do grao de competencia e dominio do idioma español. Sete anos máis tarde o Centro de Linguas Modernas, antigo Instituto de Idiomas, consigue o mesmo para o título de alemán que concede o Instituto Goethe e que cada ano convoca en Santiago a centos de estudantes. Xa en 2007 o CLM convértese en centro examinador en Galicia para os exames CILS da Università per Stranieri di Siena para a lingua italiana como lingua estranxeira. A Stranieri di Siena é unha das universidades estatais italianas autorizadas para o ensino do italiano a estranxeiros e a obtención de títulos oficiais de coñecemento dese idioma como segunda lingua. Por último, a Universidade de Santiago converteuse en terceiro centro examinador en España (único en Galicia) do Noken, o exame oficial de nivel da lingua xaponesa, organizado internacionalmente pola Japan Foundation e a Japan Educational Exchanges and Services (JEES), organismos oficiais dependentes do goberno xaponés con competencias culturais. Competencia lingüística Fóra destes catro exames de lingua estranxeira, a USC organiza cada ano as probas B1-A e B1-B de acreditación da competencia lingüística nunha lingua estranxeira, esixidas non só ao estudantado universitario senón tamén para acceder a determinados postos do mercado laboral. Dende o curso 2010-2011 na USC realizaron estas probas de alemán, italiano, francés, inglés e portugués máis de 10.000 persoas, cunha media de 3.500 por ano, cifra que tamén está a sufrir un notable incremento. Cara ao curso 2013-2014 o Centro de Linguas Modernas organizará as probas para o programa de prácticas laborais en Europa para titulados universitarios EUROPRACTICUM.