O Centro de Linguas Modernas da USC incorpora o vasco á oferta de cursos intensivos de verán
Alemán, árabe, catalán, checo, chinés, danés, eslovaco, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, lingua de signos, polaco, portugués, ruso e xaponés son, xunto coa iniciación ao vasco como novidade, os idiomas que o Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC ofrece nos seus cursos intensivos de verán en Santiago. O programa de Lugo contempla aulas de alemán, francés, inglés, italiano, portugués e lingua de signos. Como indicaron este martes o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova, os cursos están pensados principalmente para o alumnado da USC que vaia estudar a unha universidade estranxeira cun programa de mobilidade durante o curso 2013-2014 pero tamén están abertos a outras persoas con interese nesas linguas así como a estudantes de ensino secundario que cumpran ao longo de 2013 os dezaseis anos Na aprendizaxe das clases, que se desenvolverán en horario de mañá ou de tarde entre os días 8 e 19 de xullo en Santiago e Lugo, darase maior importancia á práctica das destrezas orais que ás outras. Preténdese achegar ferramentas idiomáticas e comunicativas que permitan desenvolverse con certa soltura no país estranxeiro. A matrícula para os 27 cursos que se ofertan en total (iniciación e perfeccionamento) permanecerá aberta do 1 ao 25 de xuño, cunha proba de nivel para inglés e francés nos dous campus o día 17. As persoas interesadas que precisen mais información poden chamar entre as 11.30 e as 14.00 horas ao teléfono 8818 14443, escribir ao enderezo electrónico clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es) ou visitar o CLM na Casa dos Catedráticos, no Campus Vida.