Ir o contido principal

O Centro de Linguas Modernas da USC mantén aberto o período de matrícula nos seus cursos de idiomas ata o 17 de outubro

O Centro realizará probas de nivel nos Campus de Santiago e Lugo os días 8 e 15

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberto ata o próximo día 17 de outubro o prazo de matrícula para os seus cursos de idiomas nos campus de Santiago e Lugo. As solicitudes deberán realizarse por Internet (http://matricula.usc.es/clm) ou excepcionalmente de maneira presencial no Negociado do CLM emprazado na Facultade de Filoloxía de Santiago ou no Edificio Intercentros do Campus de Lugo en horario de mañá.
Alemán, catalán, checo, danés, francés, inglés, italiano, ruso, xaponés, portugués e galego para non galego falantes son os idiomas que se poden cursar de maneira presencial no Campus de Santiago á vez que se ofrece a posibilidade de estudar alemán (niveis 4 e 5), checo, francés (niveis 3, 4, e 5), inglés (do nivel 5 en adiante), italiano (niveis 2 e 3), portugués (niveis 2 e 3) e ruso (niveis 2, 4 e 5) a través dos módulos de autoaprendizaxe titorizada no Centro de Recursos de Idiomas. Xa en Lugo se ofertan alemán, francés e inglés, tanto en cursos regulares coma en módulos de autoaprendizaxe, así como galego para non galego falantes.
Os cursos do CLM, validables por créditos de libre configuración, teñen unha duración de 80 horas a desenvolverse de outubro a xuño en quendas de luns e mércores e martes e xoves cunha ampla oferta de horarios e localizacións, dependendo da lingua. Polo que respecta aos cursos de catalán e galego para non galego falantes, os programas docentes son cuadrimestrais cunha carga lectiva de 40 horas e organízanse en colaboración co Instituto Ramón Llul, o Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As persoas que posúan coñecementos previos da lingua, as que o ano anterior non superasen un curso así como as que deixasen pasar máis dun ano dende que estudaron un idioma no CLM terán que realizar previamente unha proba de nivel que será os días 8 e 15 de outubro en Santiago e Lugo. As clases darán comezo o luns, día 17 de outubro.
Cursos para o PASOs membros do Persoal de Administración e Servizos dos dous Campus poderán matricularse de xeito gratuito os días 18 e 19 nas prazas que queden dispoñibles nos cursos de inglés e francés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2007.