O Centro Nacional de Xenotipado que coordina Ángel Carracedo inicia unha nova etapa

O Centro Nacional de Xenotipado (CeGen-ISCIII), actualmente Estrutura Estable de Investigación Cooperativa do Instituto de Saúde Carlos III, inicia unha nova etapa tras a súa reorganización. Desde xaneiro conta con dous nodos, en Santiago e Madrid, que ofrecen o coñecemento e infraestruturas necesarias para que a investigación xenética en España manteña un alto nivel competitivo. Esta nova etapa presentárona este luns en Madrid, no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), o coordinador do CeGen-ISCIII e director do nodo de Santiago, o catedrático da Universidade compostelá Ángel Carracedo; o director do nodo de Madrid, Javier Benítez; e o subdirector xeral de Avaliación e Fomento da Investigación do ISCIII, Antonio L. Andreu, que asegurou a continuidade do apoio necesario ao CeGen dende o Carlos III. Pola súa banda, Ángel Carracedo destacou que grazas aos estudos levados a cabo no centro “ disciplinas como a farmacoxenética están cada vez máis desenvolvidas, o que redunda nun mellor tratamento dos pacientes de enfermidades como o cancro”. Ademais nesta nova etapa, advertiu Benítez, o CeGen fará unha “forte aposta pola formación no campo do xenotipado, a internacionalización e a calidade”. Gran escala e baixo custe O CeGen-ISCIII naceu en 2003 coa finalidade de dotar a investigadores e investigadoras de institutos, universidades, hospitais e empresas das tecnoloxías e o coñecemento necesario para a realización de proxectos de xenotipado a grande escala e baixo custe. O seu Consello Científico Asesor externo presídeo o doutor Xavier Estivill. Nos seus nove anos de existencia o CeGen-ISCIII prestou servizo a máis de 700 investigadores de institucións públicas e privadas, participando na consecución de máis de2.000 proxectos. Isto converteuno nun servizo esencial para a investigación xenética en España. Ademais, gran parte deses proxectos tiñan como fin o estudio das bases xenéticas de enfermidades humanas, o que permitiu o mellor coñecemento destas patoloxías posibilitando o descubrimento de novas dianas terapéuticas e permitindo a moitos dos investigadores publicar os seus resultados en revistas de máximo nivel como Nature, Nature Genetics, Science o New England Journal of Medicine. Nova etapa Para esta etapa, o CeGen-ISCIII conta cun equipo multidisciplinar de persoal científico, técnico e informático e dispón das plataformas tecnolóxicas máis avanzadas para a realización de estudos de xenotipado –desde a análise do xenoma completo (Affymetrix, Illumina iScan) ata pequenos proxectos de só unha decena de variantes (Taqman/Kaspar), pasando por paneis de media densidade feitos “a medida” para cada investigador (Illumina Veracode, Open Array, Sequenom)– que son complementarias entre elas, o que permite adaptar cada proxecto concreto á tecnoloxía máis adecuada. Ademais, desde o CeGen-ISCIII tamén se ofrece asesoramento nas etapas previas e posteriores ao xenotipado. O CeGen-ISCIII pon por tanto a disposición do persoal investigador as últimas tecnoloxías e o coñecemento necesario para a realización de proxectos de xenotipado de SNPs (Single Nucleotide Polymorphisms), ferramentas moi útiles na busca de xenes de susceptibilidade para enfermidades complexas ou resposta terapéutica; CNVs (Copy Number Variations), segmentos de ADN cuxas variacións nas copias poden afectar a xenes ou as súas rexións reguladoras e poden ser herdadas ou producirse ex novo; e InDels (Insertions and deletions), variacións xenéticas que poden modificar o marco de lectura das proteínas dando lugar a distintas patoloxías.