O Centro Superior de Hostalaría de Galicia convértese nun centro adscrito á USC

Crear un novo grao no ámbito da innovación gastronómica e a xestión hoteleira é o obxecto do convenio que USC e Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) asinaron este luns. A través deste acordo, o CSHG convértese nun centro adscrito á Universidade que impartirá este título oficial con validez en todo o territorio do Estado e que se integrará na oferta docente da USC, de acordo coa memoria previamente verificada e unha vez autorizada a súa impartición segundo o procedemento vixente no Sistema Universitario de Galicia (SUG).
No acto de sinatura, o reitor Antonio López afirmou que “hoxe é un día grande para este centro que dende 1993 vén acreditando formación de excelencia”. López destacou que dende hai 25 anos a Universidade leva colaborando co CSHG e, logo do convenio asinado este luns, “asumimos como un reto poder impartir esta formación de recoñecemento internacional”. Este acordo, continuou o reitor, vai permitir que unha formación contrastada poda levar o selo de formación universitaria e de título oficial, feito que cualificou como “fórmula de éxito” xa que “estamos no bo camiño para contribuír á mellora deste sector tan transcendental na nosa comunidade como é o caso do turismo”. Antonio López puxo o foco, asemade, en que o novo grao no ámbito da innovación gastronómica e a xestión hoteleira acollerase á modalidade de título dual.
Pola súa parte, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, subliñou que o CSHG leva formado xa a máis de 2.500 alumnos e alumnas, “profesionais que están traballando por todo o mundo”. "Temos que estar preparados para o que vai vir e esta firma englóbase nesa preparación que será necesaria para adaptarse aos cambios. Este grao traerá, sobre todo, moita esixencia", apuntou Alfonso Rueda. No acto, tamén tomou parte Mª Nava Castro Domínguez, directora da Axencia Turismo de Galicia, quen subliñou que o novo grao que está a dar os seus primeiros pasos, comezará a impartirase no curso 2022-2023.