Ir o contido principal

O Centro Yuzz Santiago abre na USC para apoiar a xuventude con ideas de negocio innovadoras

Foto de grupo das autoridades cos mozos e mozas seleccionados polo programa JUZZ (Foto: Santi Alvite)
Foto de grupo das autoridades cos mozos e mozas seleccionados polo programa JUZZ (Foto: Santi Alvite)
23 mozos e mozas galegos, seleccionados entre máis de 2.000 participantes de toda España, comezan a súa formación no Edificio Emprendia da USC

A Universidade de Santiago de Compostela estrea este mércores un novo espazo de apoio ao emprendemento coa apertura do Centro Yuzz Santiago no Edificio Emprendia, onde 23 mozos e mozas seleccionados polo programa YUZZ ‘Jóvenes con Ideas’ estarán a traballar os próximos meses para facer realidade as súas ideas de negocio. A posta en marcha deste centro é froito da colaboración entre a USC, a Xunta de Galicia, a rede universitaria RedEmprendia e o Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE), entidade que impulsa o programa YUZZ co mecenado de Banco Santander, a través de Santander Universidades. O reitor da USC, Juan Viaño, presidiu a inauguración do Centro Yuzz Santiago acompañado pola conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato. Viaño destacou que a presenza de YUZZ na USC “brindará ao nosos mozos unha oportunidade única” para formarse, emprender, intercambiar experiencias e “establecer unha excelente rede de contactos en todo o país”. O programa vén fortalecer así a estratexia de fomento do emprendemento da universidade, “completando o ecosistema emprendedor e reforzando o importante labor que desempeñan o Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC e o programa Argos.” Pola súa parte, a conselleira de Traballo salientou que este ano o programa YUZZ conta cun “ importantísimo reforzo” grazas á participación da USC. Durante a súa intervención, Mato puxo en valor os éxitos logrados polos participantes galegos do programa, que acadaron o segundo premio no 2013 e o primeiro premio de toda España o ano pasado. “Este éxito non fai máis que convencernos do enorme potencial de presente e futuro da mocidade galega”, destacou Mato, quen lembrou que o departamento autonómico que dirixe “ten un firme compromiso cos emprendedores e os mozos galegos. Por iso apoiamos o programa YUZZ, que reúne xuventude, emprendemento, innovación e talento”, rematou a conselleira. Para o presidente de RedEmprendia contar cun Centro Yuzz na USC é un “enorme motivo de satisfacción” e tamén un acerto que YUZZ aposte cada vez máis “por integrarse no mundo universitario, de onde proceden a maior parte dos emprendedores participantes no programa”. Barro subliñou a necesaria cooperación de empresas, universidades, administración e axentes de todo tipo nesta e noutras iniciativas a favor do emprendemento, xa que “para axudar a un emprendedor fai falta unha tribo enteira”. Desde Banco Santander, Pablo Berdiel destacou o crecemento que tivo YUZZ nesta edición, duplicando o número de centros en toda España para “promover o talento da xuventude e impulsar o espírito emprendedor”. O director territorial de Banco Santander apuntou ademais que de manterse as estatísticas dos últimos anos “un 60% das ideas participantes no programa darán lugar a novas iniciativas empresariais”. Innovando desde a diversidade No Centro Yuzz Santiago recibirán apoio, formación e titorización de expertos 23 dos 900 mozos e mozas emprendedores seleccionados na convocatoria 2015 do programa. Os participantes, seleccionados entre máis de 2.000 inscritos de toda España, foron elixidos por aspectos como o seu perfil emprendedor, traxectoria, capacidade para comunicar a súa idea, o compoñente innovador do seu proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento da súa idea, entre outros. O grupo santiagués destaca pola variedade temática das súas ideas de negocio, que apostan por innovar en ámbitos como as redes sociais, a gastronomía, a saúde, a educación, a comunicación e as TIC. Entre os mozos e mozas participantes no Yuzz Santiago hai estudantes de belas artes, xornalismo, humanidades, administración e dirección de empresas, informática, física, enxeñería ou ciencias da saúde. Unha diversidade de perfís e formación que os coordinadores do programa queren aproveitar para que xermolen colaboración e sinerxias que axuden aos emprendedores a facer medrar as súas ideas. Rematado o proceso de formación, o mellor proxecto do Centro Yuzz Santiago viaxará a Silicon Valley, meca mundial da innovación no ámbito das novas tecnoloxías, onde terá acceso a foros de financiamento, asesoramento e contacto con investidores. Ademais, ao seu regreso poderá optar a un dos premios que YUZZ vai repartir entre os tres mellores proxectos do país: 30.000 € para o primeiro premio, 20.000 € para o segundo e 10.000 € para o terceiro. Irene Picallo falou en representación do resto das persoas seleccionadas (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2015.