Ir o contido principal

O centro Yuzz-Santiago inaugura a oitava edición do programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’

O Centro Yuzz-Santiago inaugura este luns 6 a oitava edición do programa Santander Yuzz ‘ Mozos con ideas’ nunha sesión ás 17.30 horas no edificio Emprendia (Campus Vida) que presidirá o reitor Juan Viaño. Tamén intervirán a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús; a presidenta da delegación Secot (Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) da Coruña, Aurea López Tocino; a directora territorial para Galicia e Asturias de Banco Santander, Rosario García Alonso; e a coordinadora do Centro Yuzz-Santiago, Elena Pernas Verdugo. Este ano, a USC abre tamén o novo centro do programa Yuzz no Campus de Lugo cun acto de inauguración que se celebrará as vindeiras semanas.

Persoas de entre 18 e 31 anos de Santiago son os destinatarios da oitava edición do programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’ que impulsa o talento e a xeración de ideas innovadoras entre a mocidade. O programa está promovido polo Banco Santander a través do Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) co apoio local da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago e Lugo) e a Xunta de Galicia. Da magnitude desta iniciativa dá conta a creación de 500 empresas ou a incorporación de preto de mil emprendedores con mil proxectos en toda España.

A través de 20 proxectos, as 40 persoas seleccionadas benefícianse do acceso a un espazo coworking de alto rendemento no Edificio Emprendia en Campus Vida, onde contan con espazo físico para desenvolver a súa idea e relacionarse con outros emprendedores, ademais derecibir formación en innovación e modelos de negocio por unha rede de máis de 200 expertos profesionais. Durante esta estadía reciben asesoramento personalizado para o desenvolvemento do seu proxecto.

Para a selección de participantes realizáronse entrevistas persoais tras unha preselección baseada na valoración de aspectos como o perfil emprendedor, a traxectoria persoal, a súa capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento do negocio.

Unha vez finalizado o proceso de formación e apoio, as dúas persoas elixidas como os mellores emprendedores/as dos centros Yuzz Santiago e Lugo respectivamente, realizarán unha viaxe a Silicon Valley, o referente internacional máis importante en innovación e emprendemento, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos nacionais recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o desenvolvemento do seu negocio. Tamén se outorgará o premio Yuzz Muller con 20.000 euros máis e que se concederá ao mellor premio liderado por unha muller. Neste capítulo, na pasada edición este último premio recaeu no proxecto Sadvia do centro Yuzz-Santiago.

Ao longo das sete edicións xa celebradas, o centro compostelá do programa Yuzz acumula catro premios nacionais: o 2º premio nacional na cuarta convocatoria para o proxecto Looar (star-up que ofrece solucións NFC para smart cities) e o primeiro na quinta edición para SITUM (proxecto de xeolocalización en interiores), ademais do premio do concurso ‘Este es mi pitch’ na sétima edición e o mencionado Yuzz Muller.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2017.