Ir o contido principal

Os centros de ensino medio de Galicia coñeceron na USC as cuestións de interese para o futuro alumnado universitario

Os centros de ensino medio de Galicia coñeceron na USC as cuestións de interese para o futuro alumnado universitario
Os centros de ensino medio de Galicia coñeceron na USC as cuestións de interese para o futuro alumnado universitario

Como todos os anos, os equipos directivos e de orientación dos centros de ensino medio de Galicia reuníronse con membros da USC para coñecer as actividades que organiza o programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ dirixidas ao estudantado que cursa o derradeiro ano de ensino secundario.

Como explicou o reitor na sesión, este curso está marcado pola “incerteza” das probas de acceso á universidade e a aplicación da LOMCE, especialmente no relacionado coa Avaliación Final de Bacharelato; “unha preocupación que tamén é a nosa, porque esta indecisión lexislativa impide calquera actuación que intentemos facer”. “Agardamos pois –dixo– que máis pronto ca tarde teñamos a posibilidade de aprobar un mecanismo transparente, xusto, documentado e simplificado para o acceso á universidade que nos conforme a todos, aínda que provisional para 2017”. Neste senso, trasladoulles a postura das universidades, que apostan por unha ampliación das PAAU para este ano.

Na xuntanza, á que acudiron representantes de máis dun cento de centros de toda Galicia, a Xefa de Sección de Bolsas da USC explicou as novidades deste ano en canto ás axudas públicas ás que pode optar o alumnado e o responsable do Servizo de participación e integración universitaria fixo o propio con todos os programas nos que poderán participar os estudantes. Intervirá tamén a directora do Centro Superior de Hostelería, un centro de ensino colaborador da Universidade de Santiago, especializado na xestión hoteleira.

No acto participan tamén o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios; o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira; e os responsables do Programa A Ponte nos campus de Santiago e Lugo, Luís Hervella e Francisco Javier López, respectivamente, que avanzaron as actividades previstas para os vindeiros meses.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2016.