Ir o contido principal

Os centros de ensino medio de Galicia coñeceron na USC as novidades universitarias

De dereita a esquerda, Luis Hervella, María Loureiro, Manuel Dios, Juan Viaño, Rosa Crujeiras e Javier López (Foto: SERVIMAV)
De dereita a esquerda, Luis Hervella, María Loureiro, Manuel Dios, Juan Viaño, Rosa Crujeiras e Javier López (Foto: SERVIMAV)

Preto dun cento de equipos directivos e de orientación de numerosos centros de ensino medio de Galicia reuníronse este martes en Santiago con responsables da USC nunha xuntanza organizada polo programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, que este curso cumpre xa 14 anos.

O acto presidiuno o reitor Viaño, que estivo acompañado pola vicerreitora de Comunicación e Coordinación, Rosa Crujeiras; o concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Manuel Dios; a adxunta á vicerreitora de Internacionalización, María Loureiro; o delegado do Reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella, e o responsable do Programa A Ponte no Campus de Lugo, Javier López.

Como en anos anteriores, na xuntanza tratáronse temas de importancia para o estudantado que cursa o último ano de ensino secundario como son as visitas aos centros (Encontros na USC), máis de cen charlas temáticas divulgativas a cargo de persoal investigador e de servizos, programas de bolsas e axudas, titulacións e probas de acceso á universidade.

Aproveitando os 30 anos da existencia do programa Erasmus, houbo ademais unha charla sobre a mobilidade do estudantado. A este respecto, o reitor lembraba como “comezamos na USC hai 30 anos a nosa andaina no Erasmus cunha trintena de estudantes intrépidos que marcharon convencidos de que o que aquí lles ensinábamos os situaba nuns niveis que lle permitían continuar os seus estudos en Francia, Alemaña ou o Reino Unido”.

Na súa intervención Viaño aproveitou para reivindicar a relevancia da universidade española no ámbito mundial fronte ás acusacións “de non atoparmos entre as primeiras do mundo en determinados ránkings”. Para o reitor compostelán, a universidade pública española ten niveis de financiación “moi inferiores á de calquera dos países da nosa contorna”, ademais de “camiñar cargada de pedras nas costas, atada de mans por normas ríxidas pensadas para a administración, pero non para institucións que deben ser áxiles e competitivas”.

Remataba Viaño o seu discurso con cifras: “É certo que en 2016 España só tiña unha universidade entre as primeiras 200 do mundo, pero ten 20 entre as primeiras 500; e as probabilidades dunha moza ou dun mozo español de estudar nunha universidade que se atope entre as 1000 primeiras do mundo é do 17,5%, porcentaxe superior ao 13,4% dun alemán ou ao 8,4% dun estadounidense e só inferior ao 27,7% dun británico”.

A xornada contou coa participación de cerca dun cento de centros galegos (Foto: SERVIMAV)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2017.