Os centros universitarios do campus de Lugo formalizaron este curso a matrícula de máis de 150 estudantes estranxeiros
Os centros universitarios do campus de Lugo rexistraron ao longo do presente curso a matrícula de máis de 150 estudantes procedentes doutras nacionalidades. A maioría desta poboación estudantil estranxeira procede de Sudamérica e, nomeadamente de México, que é o país que na actualidade conta cunha maior representación de estudantes universitarios no campus de Lugo.
Unha nutrida representación da comunidade de universitarios/as estranxeiros/as que están a ampliar a súa formación no campus de Lugo participaron este xoves nunha xornada de benvida organizada pola Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a través do Servizo de Relacións Exteriores da USC, e na que participaron os vicerreitores de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e de Servizos Universitarios, Carme Silva. Bueno e Silva deron a benvida a Lugo aos estudantes estranxeiros chegados ao campus para cursar estudos durante o segundo semestre do curso no marco dunha xornada de presentacións celebrada na Biblioteca Intercentros e durante a que a comunidade estudantil estranxeira tivo a oportunidade de coñecer os servizos que ofrece a USC no campus de Lugo, así como a organización das distintas actividades e programas de voluntariado, lecer, deportes, aprendizaxe de idiomas... A concelleira de Educación do Concello de Lugo, Esther Muñoz, e o deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, tamén participaron na recepción institucional brindada ao alumnado estranxeiro. Os representantes políticos locais e provinciais aproveitaron este encontro co estudantado foráneo para, logo de darlles a benvida á cidade e á provincia, facerlles unha presentación dos distintos servizos dos que poden gozar como cidadáns lugueses. A xornada de benvida dirixida aos 64 estudantes estranxeiros chegados a Lugo neste segundo semestre procedentes Brasil, México, Austria, Uruguai, Argentina e Reino Unido recalaron na USC a través de programas de convenios bilateriais entre universidades. O programa Ciencias Sen Fronteiras e mesmo Erasmus tamén permitiron a chegada ao campus de Lugo de estudantado estranxeiro. Esta xornada de benvida, durante a que estudantes e responsables dos distintos servizos da USC no campus de Lugo tiveron a oportunidade de compartir un aperitivo na Escola Politécnica do campus de Lugo, tivo continuidade en quenda de tarde cunha visita guiada ao xacemento da Domus do Mitreo.