Ir o contido principal

Cerimonia de clausura e entrega de premios do campionato D3Mobile Metrology World League 2015 na EPS

A cerimonia de clausura e entrega de premios do campionato internacional de modelado 3D con teléfono móbil D3Mobile Metrology World League 2015, promovido polo grupo USCAN3D da USC, reunirá o luns 29, a partir das 12.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo algúns dos equipos que resultaron galardoados na última edición deste certame de divulgación científica orientado a estudantes de ensino medio.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidirá a entrega de premios no marco dun acto no que tamén intervirán o director do proxecto D3Mobile, o profesor Juan Ortiz Sanz; o director da EPS, Tomás Cuesta García; a coordinadora do grupo de investigación USCAN3D, Mariluz Gil Docampo; o responsable de AAPP de Vodafone Galicia, José Suárez; a coordinadora da sede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) en A Coruña dependente da Fecyt, Ana Correas Galán; a directora da iniciativa educabarrié da Fundación Barrié, María José Mariño, así como, entre outros, representantes da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. Os gañadores da D3Mobile Metrology World League 2015, o equipo Llauna3D, do INS La LLauna de Badalona, participará no acto vía web, mentres que os segundo clasificados, os estudantes do IES de Meaño que conforman o equipo Meaño4ºB si que estarán presentes nunha sesión de clausura na que tamén se agarda a presenza de estudantes e coordinadores doutros equipos que resultaron galardoados nas diferentes categorías e modalidades nas que se estrutura este campionato mundial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2015.