O Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson retratará a muller na sociedade actual

Tanto alumnado como ex alumnado da USC e persoal docente e investigador e de administración e servizos son os destinatarios da cuarta edición do Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson, unha convocatoria promovida pola Universidade de Santiago no marco do convenio de colaboración en materia de igualdade de xénero subscrito co Concello de Santiago.
A finalidade desta iniciativa é sacar á luz o labor historicamente invisibilizado que desenvolven as mulleres na sociedade e contribuír a redefinir os estereotipos de xénero no relativo a traballos supostamente propios de mulleres ou homes, obviando o dereito de toda persoa a escoller alternativas profesionais dun xeito libre e vocacional. Así, as temática das fotografías terá unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas, premiándose a creatividade, a innovación e o impacto da propia imaxe.
As fotografías entregaranse en formato dixital cunha resolución mínima de 300 ppp, orientación horizontal e un tamaño A3 ou A4 ata o 24 de outubro de 2016. Financiados polo Concello de Santiago, outorgaranse tres premios dotados con 1.000, 800 e 500 euros respectivamente. A imaxe seleccionada como gañadora será utilizada pola USC como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller en 2017. Coas doce instantáneas finalistas elaborarase un calendario.
A elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a esta iniciativa lembra a unha muller que realizou un traballo importante nun campo desenvolvido nas súas orixes tradicionalmente por homes. Ademais presta atención á súa destacada obra, na que se inclúe o retrato que a fotógrafa estadounidense acadou da muller galego dos anos 20.