Ir o contido principal

A Cervantes incorpora fondos da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela

A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes inaugurou hoxe xoves un portal dedicado á Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago que ten como obxectivo potenciar a difusión da figura e obra do autor de Luces de bohemia entre a comunidade hispanofalante.
Esta nova sección da Cervantes facilita o acceso a unha importante colección de recursos bibliográficos custodiados pola Cátedra así como a unha galería de imaxes das edicións, deseño gráfico e ilustracións das obras publicadas en vida do escritor e outros materiais iconográficos (caricaturas e retratos) que forman parte dos fondos do Grupo de Investigación Valle-Inclán e que se irán actualizando e enriquecendo gradualmente.
O perfil do autor incluído no novo portal subsana carencias de información que ata hai uns años parecían insalvables. Ofrécense ademais repertorios bibliográficos (bibliografía primaria e secundaria) onde se relaciona a totalidade de edicións en vida e póstumas de Valle así como as actas, volumes monográficos e revistas que se lle dedicaron.
Cátedra Valle-InclánA Cátedra Valle-Inclán da USC, creada en 2002 por unha iniciativa conxunta da Universidade e o Concello de Santiago, busca proporcionar un marco de integración e apoio aos estudos, actividades e proxectos que realiza o Grupo desde 1994. Para o desenvolvemento das súas iniciativas conta co respaldo de Banco Santander a través da súa División Global Santander Universidades.
Biblioteca Virtual Miguel de CervantesA Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, que en 2009 celebra o seu décimo aniversario, naceu por iniciativa da Universidade de Alacante, Banco Santander e a Fundación Marcelino Botín, e desenvólvese na actualidade baixo a tutela da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes que preside o escritor Mario Vargas Llosa. O seu obxectivo é difundir a literatura e as letras hispanoamericanas no mundo ofrecendo a través da rede libre acceso a máis de 115.000 rexistros bibliográficos. Desde a súa creación serviu máis de 795 millóns de páxinas a internautas de todo o mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2009.