O CETUR organiza en Santiago un seminario sobre calidade e xestión medio ambiental no turismo
Calidade e xestión medio ambiental no turismo conforman o eixo temático dun novo seminario organizado polo Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC (CETUR).
A celebrar no Hostal dos Reis Católicos este martes 15, o encontro inaugurarase ás 10:55 horas nun acto presidido polo director do Centro, Xosé Santos Solla. Deseguido, comezará a quenda de relatorios da man do director xeral do Instituto para a calidade turística española, Fernando Fraile, que falará sobre ‘Q de Calidade Turística: unha certificación necesaria’. Seguiralle o director do Parador Hostal dos Reis Católicos, Francisco Contreras, cunha intervención arredor do sistema de excelencia na xestión en Paradores de Turismo.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, o alcalde de Morella, Joaquim Ferrer, abrirá a sesión coa conferencia ‘A calidade nun destino turístico: Morella (aspectos positivos e negativos)’. O seminario rematará cunha mesa redonda sobre os novos retos da calidade a da xestión ambiental no turismo galego, que moderará o profesor da USC Jacobo Feás. Nela participarán o xefe da Área de Xestión de Calidade de TURGALICIA, Enrique Pérez Etcheverría; o director xerente do Club do Produto e Calidade pQliar, Celso Martínez Míguez; o director do CEIDA, Carlos Vales; a responsable de calidade en Turismo de Santiago, Mª del Carmen Bolón Villaverde; o director xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao; e Gonzalo Rodríguez Rodríguez, da Consultora Turística/Medio Ambiental.