Un Chaplin inédito visita Santiago

Tras pasar por Caixaforum Barcelona e Madrid, a Obra Social «la Caixa» trae agora a Santiago, coa colaboración da USC, a primeira grande exposición dedicada no Estado español á figura de Charles Chaplin e o seu personaxe, Charlot, baseada nos arquivos familiares.
Grazas á combinación de aproximadamente 100 fotografías de estudio e fragmentos de filmes, en ‘Chaplin en imaxes’ ofrécese unha visión global do artista e da súa traxectoria. A través das obras doutros autores, móstrase tamén o xeito en que algúns creadores das vangardas se apropiaron da imaxe de Charlot.
A exposición ‘Chaplin en imaxes’ inaugurouse na Igrexa da Universidade este xoves nun acto no que interviñeron a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o delegado xeral de “la Caixa” en Galicia, Marc Benhamou; o secretario xeral da Fundación “la Caixa”, Lluís Reverter; o responsable do proxecto educativo da exposición, Xavier Erra; e a concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón. Asistiron ademais o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e o director xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.
Símbolo de vangardaA importancia de Charles Chaplin na historia do cinema do século XX non se esgota co seu personaxe, Charlot, e a súa contribución ao cinema. Virtuoso actor da pantomima, director de filmes coñecidos universalmente como The Gold Rush (A quimera do ouro), Modern Times (Tempos modernos) e The Great Dictator (O gran ditador), e compositor da música dos seus filmes, Charles Spencer Chaplin (1889-1977) tornouse nun símbolo da vangarda artística, incorporou ás súas creacións os temas sociais e tivo un papel destacado na vida pública, polas súas posicións inconformistas e pola persecución de que foi obxecto nos EUA nos anos da guerra fría.
Tras a inmensa popularidade de Chaplin agóchase un extraordinario talento artístico, unha enorme facilidade de comunicación e a capacidade de modelar o seu personaxe público en función dos medios audiovisuais: o cinema, a fotografía e o xornalismo ilustrado.
Completa montaxe‘Chaplin en imaxes’ toma como punto de partida os arquivos familiares para explicar a traxectoria de Chaplin, as chaves do seu éxito e a súa contribución ao nacemento dunha nova imaxe do home do século XX. Paralelamente, examina o personaxe de Charlot, a súa evolución, os elementos da indumentaria, os seus acenos característicos e a iconografía que todos estes trazos crearon.
Chaplin aparece como figura fundamental dunha nova linguaxe, o cinema mudo; no cumio do seu recoñecemento público nos anos 20 e 30, cando filmou as longametraxes clásicas, e no exilio na Suíza, após as autoridades estadounidenses teren decidido non renovarlle o visado de estadía no país, solitario e confrontado aos poderes do mundo.
A exposición mostra máis de 100 fotografías (fotos fixas de produción e fotos de estudio) arrodeadas e acompañadas dunha serie de pequenas copias modernas que se despregan como secuencias cinematográficas. Os diversos niveis de interpretación resultantes forman conxuntos que sitúan as numerosas facetas de Charles Chaplin dentro do seu marco.
Ata o 30 de agostoA exposición Chaplin en imaxes pode visitarse na Igrexa da Universidade de Santiago ata o 30 de agosto en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas (de martes a sábado) e as mañás de domingos e festivos.