Ir o contido principal

Charlot, na Igrexa Universitaria

A mostra 'Chaplin en imaxes' preséntase e inaugúrase este xoves ás 13:00 horas

A Obra Social de «la Caixa» presenta este xoves, 16 de xullo, en Santiago a primeira grande exposición dedicada a Charles Chaplin e á súa obra baseada principalmente nos arquivos familiares. Recolle aproximadamente 100 documentos, algúns deles inéditos.
A exposición ‘Chaplin en imaxes’ inaugurarase na Igrexa da Universidade este xoves 16 ás 13:00 horas nun acto dirixido tamén aos medios de comunicación. Intervirán a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o delegado xeral de “la Caixa” en Galicia, Marc Benhamou; o secretario xeral da Fundación “la Caixa”, Lluís Reverter; o comisario da mostra, Xavier Erra; e a concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón.
Tras pasar por Caixaforum Barcelona e Madrid, a Obra Social «la Caixa» inaugura agora en Compostela Chaplin en imaxes. Grazas á combinación de aproximadamente 100 fotografías de estudio e fragmentos de filmes, ofrécese unha visión global do artista e da súa traxectoria. A través das obras doutros autores, móstrase tamén o xeito en que algúns creadores das vangardas se apropiaron da imaxe de Charlot.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2009.