Ir o contido principal

Chega #Animar non é berrar, unha xornada para loitar a prol da igualdade no deporte de base

Chega #Animar non é berrar, unha xornada para loitar a prol da igualdade no deporte de base
Chega #Animar non é berrar, unha xornada para loitar a prol da igualdade no deporte de base

Deportistas, profesorado, adestradores/as, pais e nais reuniranse este xoves 17 no IES Arcebispo Xelmírez I para participar na xornada ‘Animar non é berrar’, ideada para fomentar a igualdade no deporte de base e loitar contra o racismo e as discriminacións.

Está confirmada a presenza da atleta Raquel Suárez Pedrosa, do Ría Ferrol-Concepción Arenal; de Txemi Urtasun, do Rio Natura Monbus Obradoiro; e do xinete paraecuestre con discapacidade visual Jonathan Barral Otero, que comentarán as súas experiencias nunha xornada guiada pola actriz Isabel Risco e o speaker Javier Masaguer.

O obxectivo é dar voz aos diferentes axentes e presentar algúns dos recursos, pero facelo dunha maneira divertida e contando con profesionais tanto do eido deportivo como do educativo. Desenvolverase en dúas sesións, unha de 10:45 a 11:30 h e outra de 11:35 a 12:20 horas.

Proxecto Iris

A xornada está organizada polo grupo Stellae da USC no marco do proxecto IRIS (Recursos de aprendizaxe innovadores para promover a participación igualitaria en deportes de base, abordando a discriminación, o racismo e incidentes violentos) do programa Erasmus + que busca principalmente a mellora das prácticas deportivas no deporte base para previr a discriminación neste ámbito. De IRIS saíron xa diferentes recursos, como un cómic, un videoxogo, unha curtametraxe infantil e un curso de formación para o profesorado ou adestrador/a que desexe profundar un pouco máis nun ámbito no que aínda falta moito por traballar. En IRIS participan, ademais do grupo Stellae da USC, o Centro Rexional de Formación Profesional e Aprendizaxe Permanente (RCVTLLL) da rexión de Grecia Occidental; a Universidade Konstantin Preslavski de Shumen (Bulgaria); a Universidade de Jyväskylä (Finlandia); a Asociación Deportiva Oltalom (Hungría) e a Hellenic Open University (Grecia).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2016.