Chega a Compostela a mostra que celebra os 25 anos do descubrimento da Domus do Mitreo

Hai 25 anos tiña lugar na cidade de Lugo un descubrimento arqueolóxico excepcional. Con motivo da reforma do Pazo de Montenegro para convertelo en sede da Vicerreitoría do Campus, atopáronse os restos dunha domus romana moi ben conservada que tiña un mitreo no seu interior. O achado tiña un moi destacado valor científico, pois este templo dedicado ao deus Mitra é un dos escasísimos coñecidos na Península Ibérica e o mellor conservado, polo que se converteu en obxecto de estudo para a investigación internacional.
Para conmemorar este acontecemento, o Museo Universitario Domus do Mitreo está a organizar un programa de actividades que comezou en xaneiro na propia cidade luguesa coa mostra ‘Un achado excepcional: 25 anos da Domus do Mitreo’, que acaba de trasladarse a Compostela para permanecer no Colexio de Fonseca ata o 26 de setembro. A inauguración presidiuna o reitor, Antonio López Díaz, e tamén participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e a directora do Museo Domus do Mitreo, María Dolores Dopico Cainzos.
A través de 12 paneis con fotografías, moitas delas inéditas procedentes do arquivo do arqueólogo-director C. Rodríguez Cao, móstrase a súa evolución desde a escavación ata a musealización. Deste xeito, poderá verse a complexidade da escavación e da restauración do seu material, a investigación e o museo actual.
A mostra estará aberta ata o 26 de setembro, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
Museo universitario
O Museo Universitario A Domus do Mitreo é un centro museístico xestionado pola USC situado no edificio que albergaba a sede do Vicerreitorado do Campus de Lugo. No seu solar apareceron os restos dunha domus que, durante o Baixo Imperio romano, foi parcialmente reformada para construír un edificio privado destinado ao seu uso como mitreo.
O Museo expón nas súas instalacións unha selección de pezas cerámicas, de vidro e metálicas que foron atopadas nas escavacións arqueolóxicas do solar, principalmente de época romana, aínda que tamén se acharon restos materiais de época medieval e moderna.
Este museo universitario vén de ser recentemente incorporado á Rede Museística de Galicia. A inserción desta entidade fundaméntase no seu papel esencial na salvagarda e conservación dos obxectos atopados no xacemento arqueolóxico sobre o que se sitúa, así como no feito de que se garante a integridade dos bens culturais ao tempo que se compatibiliza a súa conservación coa visita pública.
Conmemoración dos 25 anos
O programa para conmemorar os 25 anos do descubrimento da Domus do Mitreo sucederase ao longo de todo o ano e inclúe desde actividades didácticas para os centros de ensinanza, obradoiros en familia impartidos por docentes da USC, ciclos de conferencias que divulgarán as últimas investigacións sobre a domus ou un coloquio internacional que convocará o mellor persoal investigador sobre os mitreos domésticos.
