Ir o contido principal

Chega este sábado a Compostela a iniciativa Street Tenis

Chega este sábado a Compostela a iniciativa Street Tenis
Chega este sábado a Compostela a iniciativa Street Tenis

A iniciativa ‘Street tenis, ninguén sen tenis’, promovida polas fundacións Juan Carlos Ferrero e Deporte Joven-CSD coa colaboración da Fundación USC Deportiva, chegará a Santiago, por primeira vez en Galicia, este sábado 11. Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos que terá lugar ao aire libre na Praza da Quintana de 17.00 a 20.00 horas.

Co programa búscase promocionar un estilo de vida saudable baseado na práctica do exercicio físico á vez que mostrar o deporte como ferramenta para a educación da xente nova nos valores que o deporte transmite, obxectivos coincidentes cos fins fundacionais da USC Deportiva.

Coa fin de desbotar o estereotipo de que o tenis é un deporte elitista, a Universidade de Santiago está empregando moitos esforzos en dinamizar a súa Escola de Tenis e o Club de Deporte Federado, nos que participan preto de 300 persoas. Entre estas accións de promoción xurdiu a posibilidade de organizar en Santiago un Street Tenis, unha idea da Fundación do ex xogador profesional Juan Carlos Ferrero que reunirá o sábado a aproximadamente 500 nenos e nenas de Compostela e dos concellos limítrofes.

A inscrición individual no evento realizarase ese mesmo día na Quintana. Aqueles clubs ou entidades que desexen participar de maneira colectiva e organizada só teñen que chamar previamente á Fundación USC Deportiva (881 97 53 99).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2016.