Ir o contido principal

Chega a Santiago a décimo quinta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC

Chega a Santiago a décimo quinta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC
Chega a Santiago a décimo quinta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC
Desenvolverase os días 17 e 18 de abril no Teatro Principal

“Saír ao encontro do público e favorecer as actividades comúns ao colectivo de profesionais da danza” son os dous obxectivos principais que se marca o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, no XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea que chega a Compostela á volta das vacacións de Semana Santa.

Nesta ocasión, as actuacións correrán a cargo de compañías galegas, cunha participación especial das integradas por coreógrafos e bailaríns da USC. Pero o encontro non é só unha programación de espectáculos, como matiza Zahera, senón que se concibe tamén “como un espazo de residencia e de traballo para os artistas participantes”.

Programa
O programa de actuacións, que conta coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, será os días 17 e 18 de abril no teatro Principal ás 21.00 horas, con entrada gratuíta previo paso pola billeteira.

A primeira xornada inauguraraa a Compañía de Danza do IV Ciclo Sen vergoña da USC-Lugo que dirixe o propio Zahera. Porán en escena a peza ‘ Comeza por UN 1,2,3...’, o impulso co que se chega a conseguir todo. Seguiralle a Compañía de Danza da USC-Lugo coa obra ‘Pulsos’, sobre o ritmo da vida, e rematará con ‘Envés’, da compañía USCompostela, un canto á diversidade, de corpos con universos compartidos nun mesmo tempo.

Xa o martes 18 será a quenda da compañía independente da USC SON´S coa peza ‘Puzzle’, sobre os medos e inseguridades persoais, e do grupo de Danza Normal da Universidade da Coruña que interpretarán ‘Clásicos max mix’, unha reinterpretación de catro dos máis famosos ballets clásicos como ‘O lago dos cisnes’, ‘O quebranoces’, ‘Romeo e Xulieta’ e ‘A consagración da primavera’. USCompostela será quen, novamente con ‘Envés’ clausure estes encontros de danza que xa son cita obrigada na cidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2017.