Chega a Santiago a exposición ‘O sindicalismo galego na Transición 1972-1977’
Logo de pasar por Ferrol e A Coruña, este venres 10 inaugúrase no Claustro do Colexio de Fonseca a exposición ‘O sindicalismo galego na Transición 1972-1977’ que aborda a xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego nos últimos anos do franquismo e na Transición.
A mostra forma parte dun proxecto de divulgación cultural que pon en valor o traballo de documentación histórica da Fundación Moncho Reboiras, depositaria do arquivo da Confederación Intersindical Galega (CIG) e de fondos do sindicalismo nacionalista. Permanecerá aberta ata o 31 de marzo.
A inauguración, prevista para as 12.00 horas, contará coas intervencións do vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira; do secretario xeral da CIG e presidente da Fundación Moncho Reboiras, Xesús Seixo; o director da Fundación, Manuel Mera, e a presidenta da Agrupación Cultural O Galo, María Antonia Pérez.
A maiores da exposición, que contou coa colaboración económica da Deputación da Coruña, o proxecto consiste tamén nun caderno divulgativo e un vídeo documental de 15 minutos.