Ir o contido principal

Chegou o verán

Xusto ás 13:29 horas deste luns, 21 de xuño, comezou o verán no hemisferio norte, unha estación que durará ata as 5:09 horas do 23 de setembro. Son, por tanto, 93,65 días que fan que a estival sexa a estación máis longa do ano. O comezo das estacións vén definido polo paso do Sol por catro puntos concretos da Eclíptica: os equinoccios (en marzo e setembro) e os solsticios (xuño e decembro). No mediodía de hoxe o Sol pasou polo solsticio de xuño, acadando nese intre a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador). Como consecuencia diso, tamén estes días o Sol terá no mediodía a máxima altura con respecto ao horizonte, de xeito que se poñerá a sairá polo horizonte o mais ao norte posible. O vindeiro 6 de xullo a Terra pasará polo Afelio, punto da súa órbita máis afastado do Sol, en concreto 1,0167 unidades astronómicas de distancia (unha destas unidades equivale a 149.597.870 quilómetros). Verán “pobre” en fenómenos O director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo, cualifica este verán de “pobre” en eclipses. Así, aínda que haberá un parcial de Lúa o 26 de xuño e outro total de Sol o 11 de Xullo, ningún dos dous será visible dende a Península. “Haberá que agardar ata o último día do outono para contemplar un total de Lúa”, explica. En canto ás choivas de estrelas haberá as delta Acuáridas o 30 de xullo e as xa famosas Perseidas o 11 e 12 de agosto, este ano con mellores previsións e con fase de Lúa favorable. Polo que atinxe á visibilidade dos planetas, Venus, Marte e Saturno poderán ser observados na noitiña en tanto que Xúpiter se fará visible na segunda parte da noite a comezos da estación, “pero aos poucos irase vendo cada vez máis cedo”, matiza Docobo. Ademais, neste verán haberá dúas épocas moi favorables para poder contemplar o sempre difícil Mercurio, sobre o 7 de Agosto logo do solpor e o 19 de setembro ao albor. O verán é especialmente interesante para localizar constelacións no ceo e mesmo para ver a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica. De feito, o emblema do verán é o triángulo constituído polas brillantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne)e Altair (na Águia).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2010.