Ir o contido principal

O chelista Rushad Eggleston ofrece este martes un obradoiro e un concerto no auditorio da Casa do Saber

Rushad Eggleston, nunha actuación
Rushad Eggleston, nunha actuación

O chelista estadounidense Rushad Eggleston ofrecerá este martes, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, un obradoiro que se desenvolverá baixo o título ‘Cómo acompañar folc, rock&pop con instrumentos de corda’.

Esta actividade didáctica está dirixida especialmente a estudantes de corda de grao medio e elemental, aínda que tamén está aberta á participación doutras persoas interesadas. A participación neste obradoiro é de carácter gratuíto e a inscrición pode facerse a través dos números de teléfono 639.744.221 e 982.821.513. Unha vez rematada esta actividade didáctica, Rushad Eggleston ofrecerá, a partir das 20.00 horas, un concerto no auditorio da Casa do Saber. A entrada a esta actuación, promovida pola asociación cultural Galicia Fiddle, en colaboración coa Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, é libre e gratuíta ata completar o aforo. Rushad Eggleston, nado en Estados Unidos en 1979, graduouse no Carmel High School en California, para logo asistir á prestixiosa Berklee College of Music, en Boston, logo de acadar unha bolsa completa nunha competición. A formación inicial deste chelista foi clásica e a carón do estilo bluegrass, pero Eggleston evolucionou cara un estilo persoal, caracterizado pola improvisación e o seu particular estilo de utilizar o chelo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2013.