Ir o contido principal

Cheo no Teatro Principal para conversar con Sés sobre o cambio climático, unha iniciativa do grupo SEPA Interea

Cheo no Teatro Principal para conversar con Sés sobre o cambio climático, unha iniciativa do grupo SEPA Interea
Cheo no Teatro Principal para conversar con Sés sobre o cambio climático, unha iniciativa do grupo SEPA Interea

O Teatro Principal de Santiago colgou este martes o cartel de ‘completo’ co evento ‘Milonga Climática’, un concerto-coloquio coa cantante Sés organizado polo Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental) da USC no marco do proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco… ’ que se desenvolve en varios centros socioculturais do Concello.

Coas entradas esgotadas desde había días, a velada comezou coa canción ‘Romance da Bela Rosa’, que serviu de introdución para as primeiras preguntas á cantante. O xénero e o cambio climático constituíron o fío condutor da entrevista que dirixía o profesor Miguel Pardellas, e na que se puxo de manifesto o protagonismo das mulleres no proxecto.

Despois, as reflexións sobre o papel da muller na sociedade, a necesidade de incomodar e romper coa desidia ou o papel que xoga e que debería xogar a educación foron sucedéndose nunha conversa que, no seu tramo final, se abríu ao público. Para rematar, a cantante contentou ao público con algúns dos seus temas máis coñecidos, como a ‘Milonga de aquí’, ‘Tempestades de sal’ ou ‘Canto aquí canto na Habana’.

O reto do cambio climático Despois de contar o ano pasado coa presenza do cineasta José Luís Cuerda, no seu segundo ano de andadura o proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco…’ volve buscar no diálogo con persoeiros sinalados unha vía para achegar o gran reto do cambio climático ao público compostelá.

O cambio climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas, e é por iso que o grupo SEPA Interea da USC deseñou o proxecto , co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “ descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Na actualidade, o proxecto está a desenvolverse en cinco centros socioculturais do Concello (Busto, Castiñeiriño, Conxo, Lavacolla, e Vite) a través dun convenio de colaboración coa Concellería de Medio Ambiente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2018.