Choiva de estrelas na noite do domingo ao luns
Os vindeiros luns 17 e martes 18 terá lugar unha das clásicas choivas de estrelas do ano, as Leónidas, que se producen cando a Terra atravesa o camiño do cometa 55P/Tempel-Tuttle no seu movemento arredor do Sol. Ditos meteoros “aparentan provir da constelación de Leo e de aí seu nome”, aclara o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.
Segundo as previsións da Red Española de Bólidos y Meteoritos, a mellor hora para a súa observación será en torno á unha e vinte da madrugada do día 17 (noite do domingo ao luns). Será entón cando a Terra intercepte unha cortina de po deixada polo cometa proxenitor no seu paso preto do Sol no ano 1466. Nas dúas noites seguintes poden ser tamén observadas aínda que a súa intensidade se agarda menor.
De acordo cos prognósticos más optimistas, “nunha hora poderían chegar a verse sobre cen meteoros”, indica Docobo, quen ademais matiza que aínda que as predicións meteorolóxicas son boas, a fase da Lúa fará que non se dean unhas condicións “de todo óptimas para contemplar o fenómeno”. En todo caso, os que desexen intentalo deberán situarse nun lugar elevado, lonxe das luces das cidades e deitadas mirando cara ao Este.