Ir o contido principal

As choivas rexistradas ata xullo en Compostela reducen case á metade os valores habituais

De xaneiro a maio de 2022, rexistráronse apenas 508 l/m2, un 54,7 % da chuvia que caería nestes sete meses nun ano medio na cidade. Imaxe: Canva
De xaneiro a maio de 2022, rexistráronse apenas 508 l/m2, un 54,7 % da chuvia que caería nestes sete meses nun ano medio na cidade. Imaxe: Canva
Nos sete primeiros meses de 2022 rexistráronse precipitacións por valor de 508,7 l/m2, apenas un 54,7% da cantidade media para o mesmo período nas últimas décadas
Santiago de Compostela

O problema da seca actual en boa parte de Galicia e concretamente na contorna da cidade de Santiago de Compostela vén de atrás. Meses nos que adoita chover dabondo como xaneiro e, en menor medida, febreiro achegaron moi pouca auga en 2022, nunha tendencia que se estende ao ano anterior. Segundo un estudo elaborado polo director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, a partir da base de datos histórica deste centro da USC, en 2021 choveu en Compostela uns 300 l/m2 por baixo da media, a pesar dos 250 l/m2 contabilizados en decembro por este centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

José Ángel Docobo apunta que "cómpre lembrar que nas últimas décadas a cantidade media de choiva anual en Santiago se sitúa preto dos 1.800 l/m2". En contraste, os sete primeiros meses deste ano 2022 dan conta dun volume de precipitacións de 508,7 l/m2, "o que representa un 54,7 % da choiva que caería nestes sete meses nun ano medio na cidade", sinala Docobo.

Así, no mes de xaneiro rexistráronse só 12 días de precipitacións que deixaron un total de 64,1 l/m2 ; en febreiro foron 13 días, con 52, l/m2; en marzo houbo 17 días de choiva e 147,6 l/m2; en abril, tamén 17 días cun volume algo inferior, de 115,4 l/m2; en maio, os 10 días de choiva rexistrados deixaron un valor de 65,1 l/m2; en xuño, choveu 20 días nos que se contabilizaron 57,9 l/m2.; e finalmente, en xullo, só foron 5 os días de choiva con precipitacións de 5,7 l/m2.

 

Precipitacións rexistradas en Santiago de Compostela de xaneiro a xullo de 2022. Fonte: OARMA
Precipitacións rexistradas en Santiago de Compostela de xaneiro a xullo de 2022. Fonte: OARMA

Cabe salientar que nestes 94 días de choivas rexistradas ao longo dos sete primeiros meses de 2021 se inclúen 15 nos que a precipitación foi case inapreciable, ou sexa inferior a 0,1 l/m2.

Porén, tal e como sinala José Ángel Docobo, podemos encontrar exemplos de secas similares na historia recente. Once anos atrás, en 2011, os sete meses comprendidos de marzo a setembro deixaron un total de 338,6 l/m2 en 84 días, unha cantidade mesmo inferior á deste ano, se ben contempla un período lixeiramente distinto.

Nas últimas décadas houbo tamén numerosos episodios deste tipo na área de Santiago, como o de 1962, cando nos seis meses que van de maio a outubro se contabilizaran no pluviómetro do Observatorio Universitario tan só 279,1 l/m2 en 34 xornadas. E aínda máis próximo atopamos outro período de seis meses, de xullo a decembro de 2007, con 307,2 l/m2.

De reducirmos o intervalo a cinco meses de seca, destacan os períodos de maio a setembro de 1990 (con 107 l/m2 en 35 días), de maio a setembro de 1978 (con 111,5 l/m2 en 18 días) e de abril a agosto de 1975 (con 117,3 l/m2en 18 días).

Se seguimos explorando o historial meteorolóxico da zona, veremos tamén que en 1967, nos tres meses de xuño, xullo, e agosto só se rexistraron precipitacións en 8 xornadas, cun total de 34,6 l/m2 , e que o bimestre xullo-agosto foi especialmente seco nos anos 1981 (6,7 l/m2 en 4 días), 1969 ( 3,1 l/m2 nun só día), e 2016 (13, 8 l/m2 en 8 días). Poderíamos sinalar tamén que nos meses de xullo dos anos 1967 e 2020 non choveu nada. Algo similar ao agosto de 1981 con 0,2 l/m2 e o mesmo que o de 1969, cando tampouco se rexistraron precipitacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.08.2022.