Ir o contido principal

O ciclo 'Unha andaina polas matemáticas' explicará as claves científicas dos xogos malabares

Detrás do movemento que un malabarista realiza para lanzar obxectos ao aire, recolléndoos para iniciar un novo ciclo malabar, acóchase unha formulación matemática que dende os anos 80 permitiu entender que pasaba no aire nestes xogos de habilidade.
Co obxecto de afondar neste eido, o ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas’ celebrará o vindeiro luns 14 unha nova sesión baixo o lema ‘Malabares e matemáticas: os paiasos tamén saben contar’. Esta sesión, que comezará ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemática, contará coa presenza de Pablo Reboleiro (Pablo Trasno) de Pista Catro, da Federación Galega de Novo Circo.
Os primeiros estudos matemáticos realizados sobre este campo atenderon aos patróns que debuxan as bolas ao ser lanzadas ao aire, conseguindo un modelo explicativo que propoñía infinitas posibilidades malabarísticas.
Unha andainaO ciclo ‘Unha Andaina polas Matemáticas’ é unha iniciativa de carácter formativo e divulgativo, articulada en seminarios e conferencias co obxectivo de mostrar aos asistentes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e fermosura de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas tanto nas propias matemáticas coma na arte, arquitectura, bioloxía, ciencias sociais, enxeñaría física, informática, música ou na química entre outros.
Ao longo das distintas sesións do ciclo, que se prolongará ata mediados do mes de maio, estanse a explicar qué son e para qué se utilizan os algoritmos xenéticos ou as particularidades matemáticas dos mapas ou analizarase a relación entre teatro e matemáticas, entre outros asuntos. ‘Unha andaina polas matemáticas 2008’ está organizada pola Facultade de Matemáticas e polo Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2008.