Ir o contido principal

O ciclo de cinema rural en lingua propia continúa este martes en Humanidades coa proxección de ‘A Farm for the future’

O ciclo de cinema rural en lingua propia, unha iniciativa organizada polo grupo de innovación docente do campus de Lugo Ruralia en colaboración co Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá este martes, día 10 de decembro, a proxección do documental ‘A Farm for the future’, unha produción realizada en 2009 e dirixida por Rebeca Hosking incluída na serie da BBC Natural World.

Este documental, do mesmo xeito que todas as producións incluídas neste ciclo, proxectarse en versión orixinal (inglés), aínda que contará subtítulos en castelán. A entrada á proxección, que comezará ás 20.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades, é libre e de balde para todas as persoas interesadas. O ciclo de cinema rural en galego é unha proposta orientada inicialmente cara o estudantado da Escola Politécnica Superior, como unha ferramenta formativa complementaria para achegar realidades e contidos traballados nas aulas. Nesta liña, cada proxección irá acompañada dunha breve introdución para encadrar a temática que presentará o filme, unha explicación que correrá a cargo dalgún dos docentes que forman parte do grupo Ruralia. Outra das características deste I Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia, un programa que nace con periodicidade mensual e que rematará no mes de abril de 2014, é que todas as producións audiovisuais se proxectarán na súa lingua orixinal, un abano de idiomas que coincide coa oferta de cursos de linguas que imparte o Centro de Linguas Modernas no campus de Lugo. Daquela, este ciclo tamén se antolla como un complemento formativo apropiado para o estudantado matriculado no CLM en Lugo. Programa do I Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia

Logo da proxección prevista para este martes, o ciclo de cinema promovido polo grupo de innovación docente Ruralia terá continuidade nos meses de febreiro, marzo e abril de 2014, cando está prevista a proxección dos filmes ‘Das weisse Band’, de Hanneke; ‘Une hirondelle a fait le printemps’, de Carion, e ‘Terra para Rose’, de Tetê Moraes. As datas para estas proxeccións aínda están sen fixar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2013.