O ciclo 'CinEmpresa' analizará a través de proxeccións cinematográficas situacións relacionadas coa actividade económica e a xestión empresarial
Ao longo de doce sesións, o ciclo de cine ‘CinEmpresa’ analizará diversas situacións relacionadas coa actividade económica e a xestión empresarial. Trátase dunha iniciativa promovida pola Comisión de Actividades Complementarias á Docencia da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais nas que ao redor da proxección dunha película alusiva ao tema proposto desenvolverase unha charla e o seu correspondente debate.
O ciclo comeza este mércores 12 ás 10:30 horas no Salón de Actos do centro coa proxección da película Wall Street realizada no ano 1987 polo cineasta Oliver Stone. A posterior charla-coloquio centrarase nun debate arredor da relación entre o mercado financeiro e o uso da información privilexiada. Todas as demais sesións celebraranse os venres restantes a partir das 11:00 horas cunha duración aproximada de tres horas.
Os temas nos que se pretende afondar nas restantes sesións están relacionados co boom das tecnoloxías, o marketing internacional, o conflito xeracional na xerencia, a situación do mercado inmobiliario, a dimensión humana como factor de éxito empresarial, o emprendedor e o seu mundo, a loita pola supervivencia no mundo do profesional libre ou a gran empresa e a influencia dos medios de comunicación, entre outros.
Para a análise e debate destes temas proxectaranse tanto películas de ficción como documentais sobre casos reais, entre os que se atopan Wall Street; Tiempo modernos; En busca de la felicidad; Tucker, un hombre y su sueño; Enron, los tipos que estafaron a América; Jerry Maguire ou Ciudadano Kane.O ciclo ten un límite máximo de 50 prazas para alumnos que, previa inscrición, poderán validar a súa participación neste programa por un crédito de libre configuración. As 50 prazas restantes do aforo do Salón de Graos da Facultade serán de entrada libre en cada sesión.