Ir o contido principal

O ciclo 'CinEmpresa' estará dedicado na xornada deste venres ao acceso á vivenda na economía española

O ciclo ‘CinEmpresa’, no que a través de proxeccións cinematográficas se analizan situacións relacionadas coa actividade económica e a xestión empresarial, estará dedicado na sesión deste venres 29 ao tema ‘Mercado inmobiliario: acceso á vivenda na economía española’, para o que contará coa participación do catedrático de Economía Financeira e ex director xeral de Vivenda e Solo José Antonio Redondo López.
A xornada celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a partir das 11:00 horas, comezando coa proxección da película El pisito, dirixida en 1958 por Marco Ferreri e Isidro M. Ferry, que dará paso ao posterior debate.
O cicloAo longo de doce sesións que se iniciaron o pasado mes de decembro, o ciclo de cine ‘CinEmpresa’ analiza diversas situacións relacionadas coa actividade económica e a xestión empresarial. Trátase dunha iniciativa promovida pola Comisión de Actividades Complementarias á Docencia da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na que ao redor da proxección dunha película alusiva ao tema proposto desenvolverase unha charla e o seu correspondente debate.
Os temas nos que se pretende afondar nas distintas sesións están relacionados co boom das tecnoloxías, o marketing internacional, o conflito xeracional na xerencia, a situación do mercado inmobiliario, a dimensión humana como factor de éxito empresarial, o emprendedor e o seu mundo, a loita pola supervivencia no mundo do profesional libre ou a gran empresa e a influencia dos medios de comunicación, entre outros.
Para a análise e debate destes temas proxectaranse tanto películas de ficción como documentais sobre casos reais, entre os que se atopan Wall Street; Tiempo modernos; En busca de la felicidad; Tucker, un hombre y su sueño; Enron, los tipos que estafaron a América; Jerry Maguire ou Ciudadano Kane.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2008.