Ir o contido principal

Un ciclo mostra as relacións entre cinema catalán e teatro a través de cinco propostas culturais

Un ciclo mostra as relacións entre cinema catalán e teatro a través de cinco propostas culturais
Un ciclo mostra as relacións entre cinema catalán e teatro a través de cinco propostas culturais
A asistencia ao encontro poderá ser certificada como seminario de 20 horas

A Área de Filoloxía Catalá da Universidade de Santiago de Compostela volve ofrecer un novo ciclo de cinema catalán co obxecto de levar a lingua e a cultura alén das aulas. As proxeccións serán todas en versión orixinal, castelán e catalán subtitulado, e terán lugar no auditorio do CGAG os días 30 e 31 de maio. Desta terceira volta o ciclo céntrase nas difusas e suxestivas relacións entre teatro e cinema a través de cinco propostas de diversa natureza. ‘El dibuixant’ e ‘El peix Sebastiano’ mostran o proceso creativo e o universo privado de Marcel·lí Antúnez, figura senlleira da arte electrónica e a experimentación escénica, ademais de cofundador de La Fura dels Baus. Pola súa banda, en ‘Numax presenta’ e ‘Veinte años no es nada’ Joaquim Jordà –que xa estivera presente na edición de 2011– reconstrúe a experiencia vital de autoxestión dos traballadores da fábrica Numax nuns documentais nos que o teatro é incorporado como recurso narrativo. Finalmente ‘Màscares’, de Elisabet Cabeza e Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, culmina o percorrido polas relacións entre teatro e cinema invadindo o reservado espazo entre bastidores do actor Josep M. Pou na preparación dunha das súas personaxes, a de Orson Welles. O ciclo contará coa presenza dos propios directores Marcel·lí Antúnez e Esteve Riambau, que presentarán os seus filmes, ademais de ofrecer, no caso de Antúnez, un relatorio sobre a súa obra. Non faltará tampouco unha presentación sobre o universo teatral de Joaquim Jordà a cargo do profesor Xosé Nogueira e unha mesa redonda final do ciclo na que participarán o catedrático Ángel Luís Hueso e os propios Antúnez, Riambau e Nogueira.

‘Intermedialidades: teatro no cinema catalán’, organizado polas profesoras da Área de Filoloxía Catalá e polo profesor Anxo Abuín da Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, conta coa colaboración do Centro de Estudos Fílmicos da USC (Cefilmus) e o apoio do Institut Ramon Llull, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e o Centro Galego de Arte Contemporánea. Nesta ocasión a asistencia ao encontro poderá ser certificada como seminario de 20 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2013.